A cuarta xornada de folga no metal de Lugo rexistra un seguimento do 95%
A cuarta xornada de folga no metal da provincia de Lugo está rexistrando un seguimento masivo próximo ao 95%, con piquetes informativos despregados nos distintos polígonos e coa actividade do sector practicamente paralizada. Nesta ocasión, o persoal aproveitou para realizar unha concentración diante da sede de APREVAR, a patronal dos talleres, "que quitou a careta e estase amosando como a parte máis reacia a chegar a un acordo".
Neste senso, Afonso Losada, responsábel da CIG-Industria de Lugo, rexeitou as declaracións feitas polo presidente desta asociación patronal "a quen lle viñemos hoxe explicar que estamos aquí para negociar e tamén para presionar". Lembrou que froito da forza amosada polo conxunto do persoal durante a folga, a pasada semana a patronal movía a súa oferta, "mais de maneira insuficiente", polo que insistiu en que "hai que seguir adiante para lograr que avancen máis e asuman as nosas demandas".
Apunta que en materia salarial, o último incremento ofertado pola patronal para o ano 2022 é do 4,5% cando o IPC real foi do 5,7% e no relativo aos atrasos "só dá 700 euros, 400 euros menos dos que corresponderían". Ademais, a patronal continúa a negarse a pagar os atrasos xerados coas revisións ao IPC, sendo esta unha das reivindicacións ás que o persoal non está disposto a renunciar como garantía de mantemento do poder adquisitivo.
Aínda que a media tarde a patronal convocou a representación social a unha reunión para mañá xoves, ás 10h, nestes momentos o calendario de folgas continúa en pé e o venres haberá paro xeral e manifestación ás 12:30 que comezará na Avda. de Madrid e rematará diante da CEL na Praza de Santo Domingo.
Apoio á loita dos e das traballadoras de Europastry
Neste cuarto día de folga, os traballadores e as traballadoras do siderometal e do comercio do metal tamén quixeron trasladarlle o seu apoio e á súa solidariedade ao persoal da empresa Europastry, que hoxe tamén están en folga para reclamar unha mellora das condicións salariais e laborais. Así, o piquete do metal agardou no Polígono do Ceao pola manifestación do persoal de Europastry e ao seu paso recibíronse con aplausos e recoñecéndose mutuamente nas súas loitas.
Despois, o piquete continuou en forma de caravana de vehículos polas principais vías da cidade da muralla até chegar á sede de Aprevar, onde se fixo unha concentración.Pola tarde, unha parte do piquete informativo realizou un percorrido polas rúas do centro de Lugo para animar as compañeiras e compañeiros dos talleres que aínda non se sumaron á folga e parar e secundar o paro.