A CRTVG pretende deixar sen efecto o dereito á xubilación parcial previsto no convenio colectivo

O comité intercentros advirte que recorrerá á vía xudicial se a dirección teima en non acceder ás solicitudes do persoal
Nacional - 14 Feb 2025

O comité intercentros da CRTVG denuncia un novo ataque da dirección da corporación ao dereito de acceso á xubilación parcial previsto no convenio colectivo, ao anunciar que a partir do 1 de abril deixará de acceder ás solicitudes que se presenten.  A representación do persoal denuncia que non existe ningún motivo para deixar sen efecto este dereito das traballadoras e os traballadores e que recorrerá á vía xudicial se recursos humanos non cumpre co recollido no convenio colectivo.

Na xuntanza da CRTVG co comité intercentros de 12 de febreiro, Victor Tubío Villar, director de recursos humanos, manifestou verbalmente que a partir do 1 de abril de 2025, data de entrada en vigor do Real decreto-lei 11/2024, do 23 de decembro, a Corporación deixará de acceder ás solicitudes de xubilación parcial anticipada que reciba. O argumento que esgrimiu foi que a nova redacción do artigo 215.2.e) ET esixe que os contratos de remuda se formalicen con carácter indefinido e a tempo completo, o que resultaría ao seu parecer incompatíbel coa normativa básica do Estado sobre reposición de efectivos no sector público.

"De forma unánime, os sindicatos representados no comité intercentros rexeitamos esa decisión da dirección da empresa por entenderen que a nova regulación da xubilación parcial do artigo 215 ET é plenamente aplicábel ás entidades do sector público e non existe ningunha contradición entre lei e convenio colectivo que poida conducir á inaplicación desta última norma, e moito menos por decisión unilateral da empresa".

Lembran que a CRTVG tentou de forma reiterada, en 2022 e 2024, deixar de aplicar a disposición adicional novena do convenio, co argumento de que a realización dos contratos de remuda asociados ás xubilacións parciais produciría un incremento do “temporalidade estrutural”.

Porén, a sentenza firme da Sala do Social do TSX de Galiza do 30 de xullo de 2024 confirmou que o convenio debe ser aplicado nos seus propios termos.

A representación social convida á CRTVG a reconsiderar a súa postura mediante un acordo un acordo no seo da comisión paritaria, no que recoñeza que a partir do 1 de abril de 2025 vai seguir accedendo ás solicitudes de xubilación parcial anticipada e á formalización do correspondente contrato de remuda sempre que se produza unha solicitude de persoa traballadora que cumpra os requisitos establecidos na lexislación en vigor.

Porén, xa advirten que "se a dirección da CRTVG adopta finalmente a decisión anunciada o pasado 12 de febreiro, recorreremos novamente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para obrigar á empresa a cumprir a disposición adicional novena do convenio colectivo".


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.