A CIG-Servizos critica que a Delegación modifique unha manifestación das traballadoras de residencias para evitar que pasen por Inditex

A Coruña - 25 Nov 2024

A CIG-Servizos da Coruña critica que a Delegación do Goberno, "en conivencia co Concello de Arteixo e a Fundación Amancio Ortega", modifique o percorrido da manifestación convocada para o próximo 4 de decembro, en Arteixo, en demanda dun convenio colectivo digno para as residencias privadas da terceira idade. A Delegación remitiu escrito o pasado venres propondo un itinerario alternativo, que practicamente supón recortar á metade o percorrido da mobilización ao suprimir todo o traxecto que discorría polo Polígono de Sabón.

A  decisión tómase en base ao informe elaborado pola Policía Local que formula cuestións como que non se pode garantir a seguridade viaria ou posíbeis interrupcións do tráfico xeradas pola manifestación que dificultarían o acceso a Inditex, á ITV ou ás instalacións deportivas municipais.

A manifestación comunicada tiña prevista a saída na sede de Inditex e rematar na residencia de maiores de Arteixo, co obxectivo de denunciar que as instalacións que a Fundación Amancio Ortega dona á administración, e que a Xunta vende como parte da rede pública, acaban todas sendo de xestión privatizada, perpetuando o modelo de mercantilización dos coidados e de explotación laboral das traballadoras do sector.

O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, destaca o sorprendente desta decisión cando neste polígono industrial xa se teñen realizado manifestacións con anterioridade e cando non houbo ningún problema para o desenvolvemento da marcha que as traballadoras fixeron hai dúas semanas polo Concello de Oleiros. Nesa mobilización, apunta, non se permitiu cortar a estrada en varios tramos, pero non houbo ningún impedimento para facer o percorrido previsto pola beirarrúa.

Naya tampouco entende como unha marcha na que está prevista a participación dunhas 50 persoas (e así se indicaba na comunicación á Delegación do Goberno) pode considerarse un risco tan grave para a seguridade viaria nin alternar de tal xeito a actividade do polígono industrial como para prohibir a súa realización. A este respecto, denuncia que se estea antepoñendo o interese de empresas privadas a un dereito fundamental como é o dereito de reunión e manifestación.

En loita polo convenio colectivo

Lembra que as traballadoras están en loita para reclamar un convenio colectivo digno ante a insuficiente proposta presentada pola patronal. Critica que, fonte aos millonarios beneficios obtidos polas grandes empresas do sector, as categorías máis baixas do convenio non alcanzan o SMI, e a meirande parte das categorías profesionais intermedias quedan a 10€ do Salario Mínimo Interprofesional do ano 2024.

Para desbloquear a negociación colectiva ante a parálise patronal, e reclamar salarios xustos e unha mellora significativa das condicións laborais e sociais que permitan avanzar na equiparación coas condicións do persoal das residencias públicas de xestión directa, as asembleas de traballadoras convocadas pola CIG acordaron realizar un calendario de mobilizacións por todo o país. Neste calendario insírese a manifestación convocada para o día 4 de decembro en Arteixo que agora verá recortada á metade o seu percorrido.

Previamente, o mércores 27 de novembro hai convocada concentración en Santiago de Compostela, diante da residencia DomusVi Pontepedriña, ás 11h.