A CIG rexeita que a Fiscalía non aprecie delito na xestión da residencia de maiores DomusVi durante a pandemia
A CIG vén de amosar a súa indignación pola decisión da Fiscalía de arquivar o expediente de investigación aberto sobre a actuación da residencia de maiores de Domusvi en Barreiro durante a pandemia da COVID-19 ao entender que non se produciu ningunha irregularidade.
Na súa resolución, a Fiscalía considera que non existen “indicios de responsabilidade” penal nin doutro tipo nos organismo que interviñeron na xestión da emerxencia sanitaria (a propia dirección do centro, as autoridades sanitarias e Política Social da Xunta) a pesar de que esta residencia rexistrou o maior número de mortes da área de Vigo e foi unha das máis afectadas polo coronavirus a nivel galego.
Dende a central consideran que detrás deste elevado número de vítimas están a falta de medidas de seguridade do propio centro e o fallo dos protocolos da Xunta. “Pero a Fiscalía non atopou ningunha irregularidade, nin na prevención, nin na falta de persoal, nin nos protocolos do centro, e iso que dende a CIG interpuxemos dende o minuto un da pandemia múltiples denuncias ante a Inspección de Traballo, a Consellería de Sanidade e a Fiscalía por falta de medidas no centro”.
De feito, a CIG leva anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias de maiores, “servizo que a Xunta do PP vén desmantelando e privatizando co obxectivo de convertelo nun novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis”.
Por iso entenden que a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.
Febleza dos servizos públicos
Durante esta crise sanitaria evidenciouse a situación de febleza dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falta de protocolos homoxéneos de funcionamento, abusos patronais e importante niveis de explotación laboral.
Inciden en que os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade, e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración pública as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. “Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”.
Diante disto, dende a CIG sempre propoñen a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, “porque os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola Administración en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados”.