A CIG rexeita os intentos da patronal estatal do téxtil ARTE de centralizar a negociación colectiva
Coincidindo coa reunión para a constitución da mesa de negociación do primeiro convenio estatal de grandes cadeas comerciais do sector téxtil e do calzado (agrupadas na nova patronal ARTE), CIG, ELA e OSTA realizaron unha concentración para rexeitar a pretensión de centralizar a negociación colectiva e empeorar as condicións laborais do sector.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explica que ARTE "coa colaboración de CCOO e UGT constituíron hoxe a mesa, coa nosa negativa por varias cuestións", nomeadamente porque os ámbitos de persoal e funcional propostos por esta patronal xa se atopan ocupados "con carácter exclusivo e excluínte", cando menos en Galiza, por convenios colectivos vixentes de carácter sectorial e ámbito provincial.
Por iso, Fernández advirte que a pretensión de ARTE -impulsada entre outros polo grupo Inditex e pola cadea H&M- supón unha invasión de unidades de negociación soberanas e é, ademais, contraria ao principio de non concorrencia. Dáse a circunstancia de que a CIG ten unha representación maioritaria ou moi cualificada nestas unidades de negociación existentes, polo que esta iniciativa de ir a un convenio estatal "podería ter un propósito contrario ao noso dereito fundamental de liberdade sindical, ao buscar alterar o xogo democrático de maiorías e minorías, delimitando un ámbito máis conveniente aos intereses patronais".
Por iso, a CIG instou a patronal a que desista das súas pretensións e xa avanzou que adoptará todas as medidas legais que considere oportunas.
Para a CIG fica claro que con esta manobra a patronal pretende precarizar as condicións laborais das persoas traballadoras dun sector que tanto en Galiza como Comunidade Autónoma do País Vasco e en Nafarroa se botou á rúa, con convocatorias de folga incluídas, para introducir nos convenios provinciais melloras salariais e das condicións de traballo, que agora varias empresas, entre elas Inditex, buscan desactivar mediante a negociación dun acordo estatal que supoña a perda de dereitos.
“Queren levar a negociación ao ámbito estatal, onde atopan a complicidade dos sindicatos estatais CCOO e UGT, tanto para asinar medidas de destrución de emprego como para pactar unhas condicións laborais moi inferiores ás recollidas nos convenios provinciais”, alerta. Porque estas grandes compañías tamén buscan desmobilizar as traballadoras e traballadores do sector, levando a negociación colectiva a un ámbito no que lles resulta máis difícil participar, decidir e incidir sobre o que se está negociando.