A CIG protesta ante a Confederación de Empresarios de Lugo polo bloqueo da negociación colectiva na provincia
A CIG realizou unha protesta este mércores diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para protestar polo bloqueo da negociación colectiva na provincia. Na actualidade, existen unha serie de convenios colectivos provinciais que levan anos vencidos (algúns deles incluso máis dunha década) e sen expectativas de negociación a curto prazo, que afectan a máis de 10.000 traballadores e traballadoras.
Nesta situación atópanse os convenios de Comercio de pel e calzado, de Industrias vinícolas e de Confeitarías e Pastelarías, vencidos dende decembro de 2010; Comercio de mobles e Obxectos decorativos e o de Oficinas e despachos, vencidos en decembro do 2011; do Comercio téxtil e do Transporte de viaxeiros/as por estrada, vencidos desde finais de 2015; o de Sanidade privada, vencido en 2016 e coa negociación paralizada desde febreiro de 2020; do Siderometal e de Comercio do metal, da Construción, da Limpeza e do Comercio de alimentación, vencidos desde fins do 2021; así como o convenio de Transporte de mercadorías, vencido a finais do pasado ano.
A CIG vén demandando desde hai anos a reactivación da negociación colectiva sectorial de ámbito provincial, mais a acumulación de convenios vencidos amosa claramente o desinterese da patronal, así como dos sindicatos estatais CCOO e UGT -que teñen a maioría nestes sectores-, por impulsar a negociación colectiva en Lugo.
A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, critica que a patronal e estas centrais sindicais "parecen máis interesadas nunhas mesas de diálogo social a través das que de forma continua se foron recortando dereitos á clase traballadora, e onde todo se negocia de costas aos centros de traballo, mutilando así por completo a posibilidade dos traballadores e traballadoras de incidir, participar e decidir sobre as súas condicións laborais".
Máis precariedade e pobreza salarial
Este bloqueo, advirte Niño, provoca por un lado un escenario de inseguridade xurídica no marco das relacións laborais nos sectores afectados e, por outro, perpetúa a precariedade e a conxelación salarial, xa que a maioría destes convenios non tiveron actualización ao carecer de cláusulas de revisión. Polo que, ademais de producirse unha indiscutíbel e brutal perda do poder adquisitivo para miles de traballadores e traballadoras "cuxos salarios xa foron absorbidos polo SMI, incluso nas categorías máis altas, cando máis se tarde en negociar estes convenios máis complicado será cobrar os atrasos". Unha situación que, valora, lle resulta moi cómoda a patronal.
O secretario comarcal da CIG indica que este empobrecemento dos salarios se viu acrecentado de forma exponencial no último ano por mor da actual crise económica, marcada pola alta inflación e o medre da carestía da vida. "A perda da capacidade adquisitiva é alarmante", insiste Niño, quen advirte que "aínda tendo un traballo remunerado, moitas persoas non conseguen chegar a fin de mes". Neste senso, chama a atención sobre o feito de que máis do 40% das persoas asalariadas da provincia teñen uns ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional.
Para a CIG esta demora na actualización dos convenios resulta insostíbel e irresponsábel, e na práctica "supón a aniquilación da negociación colectiva como medio de regrar as relacións laborais, afastando así a representación sindical nas empresas de poder negociar sobre as súas condicións laborais, e condenando a miles de familias á pobreza".
Neste contexto, a central nacionalista chama as traballadoras e traballadores da provincia a tomar conciencia da situación e a mobilizarse "porque só a través da conflitividade nestes sectores conseguiremos superar o bloqueo e lograr uns convenios colectivos dignos".