A CIG non asinará os convenios da construción de Lugo ao pregarse a patronal ao xa negociado en Madrid
A Federación da Construción e da Madeira da CIG anuncia que non vai asinar os convenios provinciais da Edificación e Obra Pública, Materiais e Prefabricados e Comercio da Construción que se están a negociar en conxunto nestes días en Lugo, porque non supoñen ningunha mellora con respecto ao xa regulado no convenio estatal. A CIG advirte que a patronal, ao igual que aconteceu na Coruña, pretende liquidar a negociación colectiva na provincia e os convenios que dependen deste ámbito, co beneplácito de UGT e CCOO.
A patronal prégase ao negociado en Madrid, que non contempla casuísticas propias da provincia e non respecta decenas de negociacións anteriores"
Dende a central nacionalista acúsase á APEC (Asociación Provincial de Empresarios da Construción), que negocia pola parte empresarial estes convenios, de tentar liquidar a negociación colectiva na provincia ao negarse a entrar en calquera tema que estea regulado polo convenio estatal da Construción “nun exercicio de pregamento ao negociado en Madrid, que en moitos casos non contempla casuísticas propias da provincia e non respecta decenas de negociacións anteriores nas que o convenio estatal servía coma referencia de mínimos, que sempre se trataba de mellorar no convenio provincial” declara Afonso Losada, secretario da Federación da Construción da CIG en Lugo-A Mariña.
As condicións máis baixas do sector
A centralización da negociación en Madrid vai impedir que no novo convenio se recorten posicións diante das demais provincias galegas, condenando a Lugo "ao fondo do furgón de cola salarial no sector". Lembra que as diferenzas retributivas do sector superan os 800 euros anuais en comparación cos/as traballadores/as de Ourense, 1.100€ co persoal da Coruña e 1.300€ co de Pontevedra para o ano 2017, e irán incrementándose neste 2018 e cada ano que pase. Losada critica que esta centralización supón “a aceptación definitiva por parte de UGT e CCOO da reforma laboral do PP, no relativo á lapidación da negociación colectiva, asumindo as esixencias da patronal”.
A cuestión salarial non é a única que preocupa á CIG xa que “dende a patronal néganse a negociar calquera aspecto que xa figure no convenio estatal", como son a proposta de regulación das solicitudes de vacacións, as excedencias, licenzas por enfermidade, atención de menores e maiores ao cargo, equipos de protección, horas extras, traballos penosos, tóxicos ou perigosos e traballos nocturnos, condicións de traballo nas empresas de conservación -incluíndo a subrogación dos seus contratos-, ou tempos de desprazamento ás obras. "Cuestións que non entraron tan sequera na negociación porque a patronal négase, e UGT e CCOO teñen comprometido o apoio ao asinado en Madrid” asegura Afonso Losada.
Rachar coa maioría de UGT e CCOO
A maioría de UGT e CCOO nas eleccións sindicais condena ao sector ao furgón de cola en salarios e condicións"
“A maioría sindical de UGT e CCOO nas eleccións sindicais na provincia, condena ao sector ao furgón de cola salarial e das condicións", asevera Losada, advertindo que "iso ten traslado nas pensións futuras e na capacidade de medrar dunha provincia como é a de Lugo que se ve relegada a posicións moito mais baixas das que debera se atenderamos a outros indicadores".
O único xeito de rachar cona esta dinámica pasa por debilitar as maiorías de UGT e CCOO, apostar por un sindicalismo contestatario e reivindicativo como é o da CIG "e que amosa que, onde temos forza, podemos arrincar da patronal compromisos e avances significativos que teñen traslado á economía dos traballadores e traballadoras e non das empresas” remarca Afonso Losada. Concluíndo que “os traballadores e traballadoras de Lugo xa fixemos moitos esforzos nestes tempos de crise que sufrimos con intensidade e dureza. É hora de ir recuperando dereitos e posicións e de comezar a avanzar para mellorar as nosas condicións”.