A CIG mobilízase polo atraso e o bloqueo da negociación colectiva na provincia de Lugo

Arredor de 10.000 traballadoras/es teñen as condicións laborais e salariais sen actualizar
Lugo - 02 Xun 2021

A CIG realizou unha concentración este mércores diante da Confederación de Empresarios/as de Lugo para protestar pola situación precaria da negociación colectiva na provincia, tendo en conta que na actualidade existe unha serie de convenios colectivos provinciais que levan anos vencidos (algúns deles máis dunha década) e sen que existan expectativas de negociación a curto prazo.

Algúns destes convenios son: o de Comercio de pel e calzado (vencido desde decembro de 2010); Comercio de Móbeis e Obxectos decorativos (vencido desde decembro do 2011), Comercio Téxtil (vencido desde decembro de 2015), Transporte de viaxeiros/as, (vencido desde fins de 2015), Industrias vinícolas (desde decembro de 2010).

Xunto a estes, os convenios de Confitarías e Pastelerías (vencido desde decembro de 2010), Sanidade privada (vencido desde 2016 e coa negociación paralizada desde febreiro de 2020), e Oficinas e despachos (vencido desde fins de 2011). En conxunto, na provincia de Lugo hai arredor de 10.000 traballadoras e traballadores que teñen o seu convenio sen actualizar.

"Esta acumulación de convenios provinciais vencidos desde hai anos amosa claramente o desinterese da patronal, así como dos sindicatos estatais, CCOO e UGT, que teñen a maioría nestes, por impulsar a negociación colectiva de ámbito provincial", denuncia o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño.

Esta situación, apunta Niño, provoca por un lado un escenario de inseguridade xurídica no marco das relacións laborais nos sectores afectados e por outro lado unha conxelación salarial e unha perda de poder adquisitivo de centos de traballadores e traballadoras "cuxos salarios están xa absorbidos polo SMI".

Considera que esta situación "é insostíbel e irresponsábel", e na práctica supón a aniquilación da negociación colectiva como medio de regular as relacións laborais, "afastando os/as representantes sindicais nas empresas e os propios traballadores e traballadoras de poder negociar e decidir sobre as súas condicións laborais".

Urxe derrogar as reformas

Neste senso, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, valora que a patronal non quere sentar negociar "porque as reformas que nos aplicaron nos últimos anos fan que se atope nunha situación moi cómoda e permítenlle ausentarse da negociación, co que isto implica para a clase obreira de perda dereitos e aumento da pobreza e da miseria".

Diante deste contexto, González Sío reitera que o camiño para recuperar e avanzar nos nosos dereitos non está na diálogo social, "que é unha auténtica fraude", senón na mobilización. E insiste  en que non haberá recuperación posíbel mentres non se derroguen as reformas laborais e da negociación colectiva, que o goberno español anunciou que ía tombar pero que a día de hoxe seguen plenamente vixentes.

Unha derrogación que, subliñou, é máis urxente que nunca ante a nova situación de crise e as novas formas de explotación e precariedade; polo que tamén urxiu a avanzar cara a articulación do Marco Galego de Relacións Laborais.

"Mentres non se materialice esta derrogación, é imposíbel que a clase traballadora teña condicións laborais e salariais dignas", advirte González Sío, quen aclara que para termos capacidade negociadora temos que volver ao marco normativo que existía, como mínimo, antes de todas estas reformas que se iniciaron a partir de 2010.