A CIG rexeita cunha protesta o novo ERTE en Copo Ibérica
A sección sindical da CIG en Copo Ibérica, empresa do sector da automoción con sede en Mos, desenvolveu onte unha concentración diante das instalacións da compañía para rexeitar o novo ERTE presentado pola dirección. Dende a central sindical denuncian que Copo non ofreceu ningunha compensación económica máis alá do 70% do salario que asume o SEPE.
A empresa anuciou hai un mes a tramitación dun novo ERTE adicindo perdas polas paradas que supostamente ten que realizar pola falta de materias primas e subministros. Mais nas xuntanzas co comité negou a posibilidade de compensar economicamente a perda salarial que deberán asumir os traballadores/as, xa que o SEPE só contempla o pago do 70% do soldo ao persoal afectado.
En consecuencia, a representación dos traballadores/as (CIG e CUT) apostou por convocar protestas conxuntas, que tiveron lugar recentemente diante da Asociación de Empresarios/as de Mos. Mais a CIG aposta por continuar coas protestas, polo que propuxo no comité novas mobilizacións, que non foron aceptadas.
En consecuencia a central sindical optou por levalas a cabo en solitario, polo que onte desenvolveu unha concentración nas instalacións da empresa en Tameiga ao berro de “Non é un ERTE, é unha estafa”. Tamén despregou unha faixa na que se podía ler “ERTE en Copo. Roubo e explotación”.