A CIG insta a retomar de inmediato as negociacións do convenio de transporte de viaxeiros/as de Lugo
A FGAMT-CIG instou novamente na xornada de hoxe ás partes da Comisión Negociadora do convenio colectivo sectorial do transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia de Lugo a retomar as negociacións, paralizadas dende hai tres anos. A central nacionalista xa fixera un chamamento similar a finais do pasado mes de marzo, mais até o momento non houbo resposta.
Este convenio, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, tiña unha vixencia até o ano 2015. A raíz do conflito xerado no sector a nivel galego en resposta aos novos contratos da Xunta, que derivou en varias xornadas de folga, produciuse un Acordo marco en 2017 que, entre outras cuestións, determinou a actualización de táboas salariais deste convenio provincial para os anos 2016 e 2017.
Posteriormente, o 4 de setembro de 2019 produciuse a constitución da mesa negociadora, "sen que, dende entón, se evolucionara na negociación do convenio, sumido totalmente na parálise nesa anualidade".
López subliña as consecuencias que ten esta parálise para os traballadores e traballadoras, pondo a atención na acumulación do diferencial negativo para o persoal do sector dos IPC reais dos anos 2018 a 2021, "que cando menos supoñen un 8,5% de perda de poder adquisitivo nos salarios e que, na actual situación ten que ser un claro obxectivo a superar no proceso da negociación colectiva".
Na provincia de Lugo e neste sector, a CIG é o sindicato menos representativo, pero sen dúbida non o menos combativo, "e dende logo temos que axudar a crear unha dinámica que permita evolucionar nun convenio mellorado e que teña garantía contra o empobrecemento dos salarios ao que estamos condenados neste intre pola vía da inacción e a parálise da negociación", advirte.
A FGAMT-CIG tamén lamenta a posición de indiferenza das restantes partes, tanto a patronal como as demais centrais sindicais, xa que "non amosaron a máis mínima disposición a retomar este proceso para o sector de viaxeiros/as da provincia de Lugo dende finais deste marzo".