A CIG de Vigo alerta da situación límite de miles de traballadoras/es en ERTE sen previsión de ingresos
A Unión Comarcal de Vigo da CIG alerta da “situación límite” que están a vivir moitos miles de traballadoras/es da bisbarra que estando afectadas por un ERTE non saben cando van ter ingresos por causa do colapso administrativo na xestión dos expedientes e na concesión das prestacións.
“Para as traballadoras/es o salario é o medio que nos permite subsistir”, advirte o secretario comarcal da CIG. Alberto Gonçalves criticou con dureza a falla de resposta por parte da Administración, sinalando que “se desde a CIG xa considerabamos os ERTE unha fórmula errada e inxusta, porque producía unha redución dos ingresos, o feito de que haxa neste momento moitas familias sen saber se van ter ingresos este mes, en maio ou en xuño, provoca unha situación insostíbel”.
Gonçalves asegura que a central sindical nacionalista está a recibir “chamadas desesperadas” de xente de diferentes sectores e actividades, que “non saben como van poder aguantar e enfrontar os seus gastos, nun contexto no que os baixos salarios e a precariedade xa deixaran sen capacidade de aforro e obrigaban a vivir literalmente ao día”.
Esixen unha solución inmediata
Para a CIG a política errática do Goberno español, con continuos bandazos, e a completa desaparición da Xunta de Galiza, acaba por desprotexer á clase traballadora facendo que ao final sexa quen pague as consecuencias desta crise.
“Por iso temos que urxir unha resposta áxil e completa. O pobo non come nin paga as facturas con anuncios, nin con promesas frustradas como a da renda básica. É intolerábel que a mesma administración que optou pola fórmula dos ERTE para suspender a actividade non sexa agora capaz de garantir que o persoal afectado teña ingresos. Teñen que resolvelo xa”, esixe Gonçalves.