A Xunta bloquea a negociación dos convenios das fundacións de investigación sanitaria e de Medicina Xenómica
A negociación dos convenios colectivos das fundacións públicas de investigación sanitaria galegas (Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña) e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica continúa bloqueada por decisión da administración, "que acumula atrasos, incumprimentos e escusas inaceptábeis".
A representación sindical explica que tras meses de paralización, a negociación só se iniciou pola presión das mobilizacións das persoas traballadoras. Desde entón, "o proceso avanza sen ritmo e sen vontade real. O último exemplo é o incumprimento do compromiso de revisar os textos e enviar a documentación acordada, unha práctica que se repite sistematicamente".
A Consellería de Sanidade e a Consellería de Facenda e Administración Pública dirixen a negociación, coa ACIS como órgano asesor, "pero resulta grave que se permita a intervención dunha asesoría externa con sede en Madrid, allea á realidade do persoal investigador galego, mentres se frea calquera avance".
Critican que este bloqueo non é casual, senón que "apunta a unha estratexia clara: retardar o máximo posíbel a aplicación das melloras laborais, especialmente a equiparación salarial co persoal estatutario do SERGAS e unha clasificación profesional xusta para un persoal altamente cualificado que sostén a investigación sanitaria e o diagnóstico xenético da sanidade pública galega".
A representación sindical reitera que se trata dunha estratexia consciente de paralización da negociación colectiva, que precariza o persoal e pon en risco o futuro da investigación e o diagnóstico xenético público en Galiza.
Porén, advirten que as persoas traballadoras "non van aceptar máis atrasos nin máis escusas. Ou hai avances reais, ou haberá máis mobilizacións".
Na mesa de negociación das Fundacións de investigación sanitaria están presentes CIG, UGT e CCOO e na Fundación Publica Galega de Medicina Xenómica teñen representación CIG, CCOO e CSIF.