Xubilados/as e pensionistas da CIG mobilizaranse para esixir a anulación da reforma das pensións e do repago de medicamentos
No caso de Pontevedra a mobilización desenvolverase diante da Subdelegación do Goberno español de 11.00 a 12.00 horas, mentres que en Vigo será fronte ao edificio da Xunta de Galiza entre as 11.30 e as 12.30 horas. En Lugo está prevista para as 12.00 horas e na Coruña para as 12.30, en ambos os casos diante das respectivas subdelegacións do Goberno. En Santiago será ás 11.30 horas diante do INSS.
Dende o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG explican que o motivo principal das protestas é rexeitar a política de recortes aplicada polo PP español e galego nas prestacións sociais públicas, nas pensións e nos servizos á denominada terceira idade, así como nos sistemas de atención á saúde ou á dependencia.
Consideran que as sucesivas reformas aprobadas tanto polo PP como polo PSOE das pensións e da Seguridade Social fan cada vez máis difícil o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as pensións de quen accede ao sistema e atrasa a idade efectiva de xubilación. “Ademais optouse en varios exercicios por non revisar o importe nominal das pensións, ou por facelo por baixo da inflación, chegando agora a incumprir a lei para a súa actualización pola desviación do IPC”, indican.
Tamén denuncian que a última reforma das pensións executada polo PP elimina o IPC para incrementar as pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras sobre as mentiras do aumento da esperanza de vida.
“Todas esta reformas provocan un empobrecemento maior dos pensionistas, aumentando a diferenza negativa en Galiza da pensión media respecto do Estado español. Especial mención compre facer da discriminación das mulleres nas pensións contributivas por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto a feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo o umbral da pobreza”.
A todo isto hai que sumar os repagos, a retirada do financiamento público de medicamentos moi usados e o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais, “aféctandonos especialmente aos pensionistas e enfermos/as crónicos/as, converténdose nun novo imposto á enfermidade e nunha grave dificuldade para acceder á medicación, aumentando o sufrimento das persoas”.
“Hiper-repago sanitario en Vigo”
Os xubilados/as e pensionistas da comarca de Vigo organizados na CIG aproveitarán a mobilización do xoves para reivindicar unha serie de cuestións que lles afectan de xeito directo, como é o “hiper-repago sanitario que nos aplican os amigos do PP donos/as do hospital Álvaro Cunqueiro”.
En concreto, denuncian o custe do aparcadoiro, do servizo de televisión e das cafetarías do novo centro médico “por enriba das nosas posibilidades”, polo que reclaman a gratuidade do estacionamento e unha calidade asistencial digna.