Xornalistas da CRTVG e da CRTVE claman contra a manipulación informativa nos medios públicos
Traballadoras e traballadores da CRTVG e da CRTVE percorreron esta mañá as rúas de Compostela nunha marcha que comezou en San Marcos e rematou, contra as 12:300 horas na Praza do Obradoiro baixo o lema “Pola dignidade dos medios públicos”. Unha mobilización na que, por vez primeira, o persoal de ambos os medios saíu conxuntamente “para pedir os cambios necesarios para conseguir esa dignidade que merecedes e merecemos como país”.
No manifesto ao que se deu lectura ao remate da marcha, Rita Alonso e Marga Pazos, en representación de todo o persoal da CRTVG e da CRTVE, sinalaron que “os representantes das institucións defínenos como garantes dunha verdadeira democracia e falan da necesidade de garantir a súa independencia con dotación orzamentaria abonda”. Porén, subliñaron que os feitos son “inxerencia, control, recortes, asfixia económica, precariedade laboral, un desmantelamento progresivo e un deterioro da calidade da programación” que na súa opinión “está a poñer en risco, de xeito deliberado, a mesma pervivencia destes medios”.
Fronte a iso defenderon que os medios públicos “son imprescindíbeis en democracia”, porque ben regulados e xestionados, “cumpren misións de servizo público para darlle cobertura ao dereito fundamental á información”. Unha misión que entenden que só se pode garantir “desde a imparcialidade, a pluralidade e a veracidade”.
Recoñeceron os cambios que se están dando en RTVE, denunciaron que, de momento, “non se albiscan na CRTVG” e consideraron que “non pode nin debe ser que a organización das nosas empresas dependa de quen ou quen non ocupa un despacho”.
Por iso exixiron que “cesen de inmediato as prácticas de manipulación informativa” que ademais de vulnerar varios dereitos esenciais “tanto nos afastan, pola perda de credibilidade, da sociedade á que debemos servir”.
Xunto a isto cualificaron de “inadmisibles” a “inxerencia gobernamental e a intromisión dos poderes políticos e económicos” e reclamaron “liberdade e independencia para poder informar”. Unha exixencia que “non é só persoal e colectiva, laboral e profesional. É unha exixencia legal”, subliñaron.
Aplauso aos venres negros
Deron un aplauso aos “venres negros” que se puxeron en marcha na RTVE e que acabaron saltando á CRTVG, por entender que os problemas de ambos medios de comunicación “son comúns” e que foron quen de chamar a atención de toda a sociedade.
Denunciaron que “é case imposible combater as inxerencias políticas” se os cambios nas direccións destas empresas públicas de comunicación están vencellados aos cambios de goberno”. Por iso chamaron á sociedade galega a defender os seus medios públicos “con unllas e dentes”, para frear o seu deterioro.
A este respecto chamaron a atención sobre o deterioro das programacións que foron “perdendo calidade, deixando de atender as minorías, a cultura, a lingua, a información máis próxima”, tal e como se constata a través de exemplos concretos como a desaparición das desconexións locais ou do Diario Cultural, ao que fixeron referencia expresa pola súa desaparición logo de 30 anos en antena.
Dotación económica
Por iso exixiron dotación económica axeitada e suficiente para cumprir coas obrigas de servizo público que recolle a lei, entendendo que “a programación dos medios públicos non pode depender de criterios unicamente economicistas, de datos de audiencias, de rendibilidades económicas e as xestións de quen deciden esas programacións debe ser transparente e escrupulosa”.
Tamén manifestaron a súa oposición ás redaccións paralelas, á fichaxe de persoas externas que cobran cantidades moi superiores ás previstas nos convenios colectivos “porque son custosas e innecesarias e case sempre desembarcan porque se prestan a obedecer”.
Fronte a ese modelo reclamaron emprego estable e salarios dignos, que se remate coa precariedade laboral que se traduce en “contratos de substitución de días,, listas de contratación que se cronifican anos e anos e contratos de prácticas e bolsas que se utilizan para abaratar custos ou conseguir persoal supostamente máis dócil”.
E denunciaron tamén que queren “que fagamos de todo” para agochar a falta de persoal o que provoca que sexa imposible producir o que se producía para así xustificar “a externalización, a entrega de programas a produtoras externas que fan exactamente o que a dirección lles encarga”.
Denunciaron as represalias, en concreto a que sofre a xornalista e presentadora de TVG Tati Moyano, por se solidarizar cos venres negros nunha gala á que asistiu o presidente da Xunta e proclamaron que “ningunha pode ser amonestada, nin ameazada por facer uso da liberdade de expresión e reclamar publicamente cambios nos medios de comunicación”.
Uns medios públicos que son propiedade, tal e como afirmaron, da sociedade galega á que agradeceron a súa asistencia e esforzo solidario asistindo a esta marcha pola dignidade dos medios público de comunicación.