Xornada de folga na automoción galega en defensa do emprego e dos dereitos laborais

A CIG ten convocado un paro de 24 horas este xoves 28 e protestas en Vigo, Pontevedra e Ourense para reclamar medidas ante a crise do sector
Nacional - 22 Nov 2024

A automoción galega vivirá unha xornada de folga este xoves 28 de novembro en defensa do emprego e dos dereitos laborais das persoas traballadoras dun sector que se atopa nunha “situación límite” como consecuencia do proceso de “reconversión, deslocalización e precarización” que atravesa dende a irrupción do vehículo eléctrico. Este día de loita promovido pola CIG incluirá tamén mobilizacións en Vigo, Pontevedra e Ourense.

O paro dará comezo ás 22:00 do mércores 27 e rematará ás 24:00 horas do xoves 28 e afectará tanto á empresa principal Stellantis como ao arredor de 50 compañías auxiliares e de compoñentes, mais tamén ás contratas que prestan todo tipo de servizos nas fábricas da industria do automóbil (subministros, mantemento, limpeza, etc).

Ademais, o propio xoves 28 haberá mobilizacións en Vigo (manifestación dende Praza América até Stellantis ás 10:00 horas), Pontevedra (concentración na Praza da Peregrina ás 11:00 horas) e Ourense (concentración na Casa de Chocolate ás 12:00 horas).

A convocatoria é un paso máis no intenso traballo sindical que a CIG-Industria leva anos desenvolvendo en defensa do emprego e das condicións laborais nun sector que se atopa “en situación de emerxencia” pola fonda crise que atravesa, o que está a intensificar a precarización das condicións de traballo e a perda de dereitos sociais.

“Dende a pandemia os traballadores/as padecen ERTE continuos de 30, 60 ou 90 días de duración que sufragan coas súas prestacións por desemprego; ao que hai que sumar a pregresiva desregulación da xornada laboral, até o punto de que agora se traballa fins de semana, domingos e festivos e despois descánsese durante a semana”, sinalan dende a central sindical.

Outra consecuencia desta situación é o aumento da flexibilidade interna nas empresas, “que provoca que a maioría dos cadros de persoal non saben cales van ser os seus horarios a semana que vén nin cantos días van traballar durante a semana, por exemplo”. Unha flexibilidade que impide a conciliación da vida persoal e laboral. Este proceso “imparábel” de precarización das condicións de traballo contrasta co feito de que Stellantis rexistrase 18.600 millóns de euros de beneficio o ano pasado, tal e como denuncian dende a CIG.

Neste contexto o CEAGA, o clúster que agrupa as empresas da automoción galega “segue a tirar pedras contra o seu tellado”, xa que non cuestiona as directrices de Stellantis que obrigan a abaratar custes, “e o único que fai é recortar empregos, salarios e dereitos”.

Por iso na CIG consideren esencial a folga e a mobilización, “para dicir alto e claro que até aquí chegamos, porque non pode ser que as persoas traballadoras da industria galega do automóbil estean a ingresar salarios inferiores a antes da pandemia por culpa de paradas constantes da produción; unhas paradas que antes eran supostamente consecuencia da situación derivada da covid, logo da crise dos microchips, e agora xa non se sabe de que porque as empresas xa non dan explicacións e semella que os ERTE se normalizaron no sector.”

Sen política industrial nin plan de futuro

Para a CIG o “futuro incerto” que afronta o sector é consecuencia da falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e da ausencia de investimentos por parte da Stellantis de cara á fabricación de novos modelos. “Nin as persoas traballadoras da empresa principal nin as das auxiliares sabemos a día de hoxe o plan industrial que se vai aplicar nos vindeiros anos, porque nestes momentos estase a fabricar o mínimo de vehículos eléctricos esixidos para poder manter as axudas e os proxectos, e se non fabricamos novos modelos o sector galego do automóbil desaparecerá”.

En canto ao papel que está a xogar a Xunta, censura que a Administración autonómica vaia por detrás das iniciativas que está a tomar a propia central sindical, até o punto de que o Goberno galego declarou a comezos de ano o sector como estratéxico, “curiosamente despois da campaña de protestas desenvolvida pola CIG a finais de 2023 e a pesar de que teñen plenas competencias en política industrial dende hai anos”.

Posteriormente, e de novo pouco despois de que a central sindical se mobilizase, presentou o anteproxecto do plan director do sector da automoción. “Desenvolvemos unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo o 10 de xullo, onde entregamos as nosas propostas para a industria do automóbil, e nove días despois o Goberno galego comunícanos que inicia o proceso para elaborar o plan director e invítanos a facer achegas ou consideracións para incorporar ao anteproxecto”.

Principais propostas da CIG para a automoción

-Un plan industrial para Galiza impulsado polas as administracións públicas que propicie unha industria da automoción forte e xeradora de emprego.E a participación da Xunta directamente, ou a través de empresas mixtas, na constitución de novos proxectos industriais vitais para o sector.

-Que as subvencións e axudas millonarias que se lle dan a Stellantis teñan o compromiso da planta de Vigo da fabricación de novos modelos, para garantir a creación de emprego en todo o tecido industrial, especialmente nas empresas de compoñentes.

-O compromiso do Ministerio de Industria e Transición Ecolóxica co sector galego da automoción que axude a afrontar o futuro con garantías e que free o proceso de deslocalización de boa parte da actividade auxiliar para abaratar custes, mentres se aplican rebaixas salariais e laborais coa escusa de gañar competitividade.

-A creación dunha Mesa Galega da Automoción, integrada polo CEAGA, as centrais sindicais e as tres universidades galegas, que impulse un plan galego para a industria da automoción no que se recollan medidas de apoio en I+D+i.

-A instalación dunha planta de baterías en Galiza. Xa que non ter unha planta de fabricación de baterías expulsa o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico.

-Unha aposta pola fabricación dos novos compoñentes do automóbil eléctrico. O Goberno galego ten que activar un plan para a atracción das plantas de fabricación dos novos compoñentes dos coches eléctricos.

-Un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal. Que se fagan as modificacións oportunas e se restableza o dereito á xubilación parcial aos 60 anos para todos os colectivos.

-Formación cara ao novo sistema de fabricación. Precisamos dunha formación profesional pública que permita a clase traballadora adaptarse a esta nova revolución industrial.

-Garantir a integración laboral das persoas con capacidades distintas na cota reserva das empresas para acabar coa precariedade e explotación das persoas con capacidades distintas subvencionada cos Centros Especiais de Emprego no sector da automoción galega.

-Unha tarifa eléctrica galega, un novo marco regulador da enerxía máis xusto e estábel que faga a nosa industria máis competitiva, con prezos da enerxía menores aos do resto dos territorios do Estado por ser Galiza produtora excedentaria de enerxía.

-Un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación do mundo de traballo no noso país, co obxectivo de garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para a clase traballadora galega.