Xoán Xosé Bouzas 'Tupi' reelixido por unanimidade secretario nacional no II Congreso da CIG-Industria
O II Congreso da CIG-Industria reelixía este sábado en Compostela a Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi' como secretario nacional. A súa candidatura, a única presentada, recibiu o voto unámime dos e das congresistas asistentes (117 persoas). No proceso, celebrado en Compostela baixo o lema "Compromiso constante, organización e loita", tamén se escolleu á nova Executiva Federal e ás persoas que formarán parte do Consello Confederal en representación da Federación.
Composición da Executiva Federal
A nova Executiva Federal, á que se presentou unha única lista encabezada por Bouzas Aboi, obtivo tamén 117 votos e queda conformada do seguinte xeito:
1.-Xoán Xosé Bouzas Aboi
2.-Mercedes Domínguez Santomé
3.-Manuel Simón Graña
4.-Henrique Fernández Oliveira
5.-Susana Riveira Fernández
6.-Manuel Domínguez Delgado
7.-Marcelo Amado Díaz
8.-Rubén Ramos Gestal
9.-María Xosé García Gómez
10.-Xulio Moskowich Burgo
11.-Santiago Mallo Vilas
12.-Marcos Hernández Rey
13.-Alberte Amado Tallón
Fortalecer a organización para mellorar a resposta sindical
Na súa intervención de clausura, Bouzas Aboi comezou destacando o incremento da representatividade acadado pola CIG-Industria nos últimos catro anos, converténdose en 1ª forza a nivel galego nas eleccións sindicais. Uns bos resultados que atribuíu á capacidade de dar resposta aos múltiples conflitos xerados e "ás agresións que sufrimos como clase traballadora e como pobo".
Consello Confederal
A candidatura para o Consello Confederal da CIG recibiu 117 votos. As persoas elixidas son:
1.-Xoán Xosé Bouzas Aboi
2.-Mercedes Domínguez Santomé
3.- Manuel Simón Graña
4.-Henrique Fernández Oliveira
5.-Marcelo Amado Díaz
6.-Xulio Fernández Alonso
7.-Benedicto Blanco Lema
8.-Raquel Pérez Fernández
9.-Rubén Ramos Gestal
10.-Xosé Francisco Miranda Vigo
11.-Eduardo Caamaño Lestón
Entre os obxectivos marcados para o mandato que comeza, Bouzas Aboi chamou a facer un esforzo por recuperar a negociación colectiva, ferramenta fundamental da clase traballadora para mellorar as súas condicións laborais. Por iso, Tupi quixo trasladar o apoio da Federación "aos compañeiros e compañeiras da industria auxiliar do naval da ría de Ferrol pola longa e dura batalla que están a levar para que se lles apliquen os acordos salariais de 2001".
De igual xeito, apelou á necesidade de continuar a facerlle fronte ás políticas antiobreiras e antisociais dos gobernos do PP. Como exemplo destas políticas, expuxo a recentemente aprobada Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza que "facilita o espolio, a depredación e a ruína do noso país, sen contemplar ningunha medida de apoio aos nosos sectores produtivos nin aos proxectos e actividades que aposten para que os procesos produtivos e de transformación teñan lugar en Galiza".
Fronte a esta "lei depredación", Bouzas Aboi animou a participar na manifestación convocada para este domingo 22 de outubro, ás 12 horas dende a Alameda de Compostela.
Sindicalismo asembleario e participativo
O secretario da CIG-Industria agradeceu o esforzo, a entrega militante e o sacrificio "de moitos compañeiros e compañeiras que teñen a valentía de afiliarse a CIG, de defender as nosas alternativas sindicais nos seus centros de traballo, incluso cando iso lle supón sufrir represións por parte da empresa". Por iso, insistiu no feito de que ser referente nun centro de traballo "esixe dedicación, preocupación polos problemas, coñecemento do que sucede alí dentro e sermos capaces de levar un conflito adiante, propondo alternativas e solucións".
Só seguindo estes principios, defendeu o reelixido secretario nacional, "conseguiremos incrementar a afiliación e a representatividade e poderemos medrar en organización". "Os traballadores e traballadoras teñen que entender que a CIG é o garante da loita e da resposta sindical. Defendemos un sindicalismo asembleario, reivindicativo, baseado na participación, no compromiso de clase, na confrontación, na combatividade, na mobilización e no compromiso con Galiza. Este sindicalismo é o único coherente e eficaz para defender os intereses da clase traballadora galega"
O secretario xeral, no acto de clausura
O acto de clausura do congreso contou tamén coa presenza do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen na súa intervención subliñou que nos procesos congresuais que se celebran hoxe (ademais do de Industria, renovan cargos a Federación de Servizos e a FGAMT-CIG) ultimamos o ideario programático e as novas liñas de traballo coas que “facer unha CIG máis forte, nunha clara aposta porque a clase obreira galega nos dotemos de forzas, de organización e de máis capacidade de loita para avanzar”.
Unha fortaleza máis precisa ca nunca para enfrontármos os ataques á nosa clase e o proceso de concentración e acumulación de riqueza e recentralización que estamos a vivir. Neste punto, criticou as medidas impostas polo Goberno galego e o seu presidente, “que renega da condición de galego, acomodado no seu papel servil con estas políticas antisociais e antigalegas que nos veñen de Madrid e Bruxelas”.
Carril denunciou a incapacidade do PP de Feijoo para levar adiante iniciativas a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza. Mais ben á contra, as políticas aplicadas polo seu executivo recortan dereitos e fomentan a destrución do noso tecido produtivo e unha economía dependente. Como exemplo disto expuxo a reforma da Lei de Saúde de Galiza, que significa avanzar na privatización e desatención sanitaria da poboación; a Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, que consagra o espolio do país; ou as políticas de abandono do rural e a política forestal de eucaliptización ao servizo de Ence, que baten nunha catástrofe como a que vivimos a pasada fin de semana con centos de lumes arrasando Galiza.
O secretario xeral da CIG rexeitou tamén a "escandola" postura que vén mantendo o Goberno galego no tocante ao proceso catalán, apostando por sumarse “na defensa irracional, violenta e represora da Constitución do 78 e dun réxime podre e corrupto. Un presidente galego que debería aspirar a conseguir para o seu país o recoñecemento dos dereitos que como nación nos corresponden, para termos un futuro con dignidade e xustiza social”, defendeu.
Fronte a todo isto, chamou os e as presentes a ser atrevidos e atrevidas na formulación das nosas alternativas, para ter máis presenza nos centros de traballo e para axitar a mobilización social. No obxectivo de combater e derrotar as reformas laborais, centrando a nosa capacidade reivindicativa na recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados, pola derrogación das reformas da negociación colectiva, a recuperación dos salarios “e pola resposta a lacra que para a clase traballadora representa o modelo sindical de pacto social”.
Por iso, insistiu: “temos que ser conscientes de que o noso traballo en cada loita e conflito concreto debe ser o inicio para a toma de consciencia da nosa situación de explotación de clase e nacional, no obxectivo da transformación revolucionaria que o noso estratéxico defende, dunha Galiza ceibe e sen explotación, unha Galiza ceibe e socialista”.
Período marcado pola enorme conflitividade
Neste II Congreso da CIG-Industria, ademais de renovar cargos, debateuse o traballo sindical realizado nos últimos catro anos, definíronse as alternativas propostas pola Federación e marcáronse as liñas de actuación para o vindeiro período. Tupi, encargado de defender o Informe da Executiva saínte (aprobado con 111 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención) lembrou que dende o congreso de unificación da CIG-Metal e a CIG-Químicas e Enerxía no ano 2014, "a conflitividade é unha constante na nosa actividade sindical".
Unha conflitividade desenvolvida en varias frontes: por un lado a defensa dos postos de traballo e de sectores produtivos como o enerxético, o naval ou a automoción, os servizos públicos, os dereitos e liberdades, etc.; e por outro, a negociación colectiva, a través da que se intenta impedir que as reformas laborais e os recortes impostos se leven a cabo e se introduzan nos convenios.
"Unha grande actividade que representou un enorme esforzo militante tanto das estruturas, dos delegados e delegadas de persoal, dos comités de empresa e dos afiliados e afiliadas para manter a nosa implicación tanto nos conflitos como na mobilización social" e darlle unha resposta adecuada en cada momento.
Sobre o proceso de unificación, no Informe da Executiva faise unha valoración moi positiva, destacando que "a acumulación de forzas e recursos tanto económicos como humanos, foi esencial para afrontar o presente", mais chámase a mellorar a organización interna da Federación co obxectivo de ofrecer unha resposta máis eficaz e eficiente.
Eleccións Sindicais
En canto aos resultados das eleccións sindicais, no documento reflíctese que no período pechado 2012-2015, a CIG-Industria acadou 956 delegados e delegadas dos 2.899 que se elixían, o que supón un 32,98% de representatividade, quedando deste xeito como 1ª forza sindical no sector industrial en Galiza. Até o primeiro semestre de 2017, a CIG segue a ser primeira forza, aumentando a porcentaxe de representatividade, ao acadar o 33,14%.
A federación como aglutinadora de alternativas e solucións
As políticas impostas polo FMI, UE, BCE e executadas polos gobernos español e galego traducíronse na precarización do mercado laboral a todos os niveis, no recorte de dereitos, a individualización das relacións laborais e unha maior división e debilitamento da clase traballadora. Para enfrontar esta situación, no Relatorio de Organización (aprobado por 103 votos a favor, ningún en contra nin abstención) ponse en valor a necesidade de contar "cunha federación organizada e cun compromiso militante", para dotármonos da mellor capacidade de iniciativa e de resposta.
Con tal obxectivo, chámase a reforzar a presenza da federación nos centros de traballo, o asemblearismo, a participación, a mobilización, a combatividade e a construción de organización. Xunto a isto, aumentar a representatividade nas eleccións sindicais e incrementar a base de afiliación como garante da independencia económica.
"Temos que enfrontar o noso traballo sindical cun sindicalismo combativo, dinámico, vivo e creador de alternativas e solucións os problemas da clase traballadora galega, pero tamén como cidadáns dun pobo que quere un cambio de modelo económico e social nunha Galiza soberana e socialista", asegúrase no relatorio.
Neste marco, a negociación colectiva amósase como a gran ferramenta que teñen os traballadores e as traballadoras para lograr unhas condicións dignas tanto salariais coma laborais. As reformas laborais do PSOE e do PP levaron a unha desregularización acelerada do mundo do traballo, reforzando o poder das patronais e favorecendo a centralización da negociación colectiva.
Fronte a esta situación "temos que reaccionar coa nosa proposta sindical, como o fixemos ao longo destes anos, definindo alternativas concretas para os diferentes ámbitos de negociación, acumulando forzas e mobilizando; para iso temos que ser a correa de transmisión que leve o debate aos centros de traballo, un achegamento coa clase traballadora para crear conciencia de clase. O camiño que nos queda é ser unha central viva, dinámica, insubornábel, practicando un sindicalismo combativo, antipactos sociais, participativo, defensor dunha Galiza democrática e soberana".
Para iso é fundamental conseguir un marco galego de relacións laborais (MGRL), que dea valor aos convenios sectoriais provinciais ou autonómicos e que teñan prevalencia sobre os convenios de empresa e sobre os convenios estatais, garantindo que ningún convenio de empresa poida establecer condicións inferiores ás determinadas polo convenio sectorial.
Propostas recollidas no Relatorio Base
Nun contexto de desmantelamento do noso tecido produtivo, destrución de emprego e falta de competencias, a CIG-Industria aposta pola posta en marcha dun plan de desenvolvemento industrial que contemple o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido nos sectores básicos; un cambio na política enerxética que inclúa a implantación dunha tarifa eléctrica galega (demanda que a CIG levou ao Parlamento Galego no marco da ILP sobre Medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, que nestes momentos segue a trámite parlamentar); ou incrementar a dotación orzamentaria en I+D+I.
Así se recolle no Relatorio Base, que foi aprobado con 112 votos a favor, ningún en contra e unha abstención. No documento tamén se contempla unha batería de medidas concretas para os sectores industrias estratéxicos como o naval, a automoción ou a industria química. Ademais, ponse especial atención na actuación sindical para combater a precarización laboral e salarial que se dá nas empresas multiservizos e auxiliares.
Saúda do secretario de Compostela e representación de ELA e LAB
O II Congreso comezou coa saúda por parte do secretario comarcal da CIG de Compostela, Pepe Maio. No proceso tamén participaron -como organizacións convidadas- os compañeiros Luis Fernández Cubelo e Egoitz Iturbe de ELA e Jonan Goñi de LAB.