Lumes Nunca Máis! A CIG chama á mobilización contra a Lei de Depredación do PP e contra a vaga de lumes

Santiago acolle unha manifestación este domingo 22 dende a Alameda

Nacional -

A CIG chama a participar na manifestación convocada pola ‘Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza’ para o vindeiro domingo día 22 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. Unha lei aprobada de forma antidemocrática e “golpista” polo PP que baixo o nome de Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, afonda aínda máis na eucaliptización do noso país para atender os intereses da pasteira Ence, insistindo en políticas suicidas das que nestes días vivimos as súas graves consecuencias coa vaga de lumes.

A catástrofe que padeceu Galiza a pasada fin de semana ten entre as súas causas unha política de abandono do rural propiciada polo PP e unha nefasta política forestal de eucaliptización do país promovida desde a Xunta de Galiza e condicionada polos intereses empresariais da pasteira ENCE.

Con esta Lei que vén de ser aprobada no Parlamento de Galiza so pretexto de facilitar a implantación de proxectos e actividades empresariais no país introdúcense toda unha serie de modificacións noutras leis que promoven, entre outras cuestións, unha aínda maior eucaliptización.

De feito, en diante, serán innecesarias as autorizacións para a plantación de eucaliptos. Abondará cunha declaración responsábel e terá prioridade sobre as limitacións establecidas na Rede Natura, xa que non precisarán autorización da Administración. Isto ademais de pór en perigo até os bens patrimoniais.

Déixase así a xestión da madeira en mans dos grandes operadores, como Ence, que ademais de non precisar autorización tampouco necesitarán informe de Patrimonio.

Modelo industrial colonial

A CIG denuncia ademais que, con esta Lei, o Goberno de Feixó deserta de servir aos intereses do pobo galego, renegando de tomar calquera iniciativa real a favor do desenvolvimento económico e social de Galiza, abandonando a defensa dos nosos sectores produtivos mentres favorece un modelo industrial colonial.

Non contén nin unha soa medida, nin principal, nin secundaria, que teña como obxetivo central o apoio para os proxectos e actividades que aposten porque o proceso produtivo e de transformación teña lugar en Galiza, como tampouco contempla medida algunha de apoio e impulso aos nosos sectores produtivos, para que permitan a recuperación e consolidación do tecido empresarial galego, favorecendo así o crecemento económico de Galiza e a creación de emprego en condicións dignas.

Ao servizo das grandes corporacións

Aposta de forma descarada por favorecer os intereses das grandes corporación económicas, promovendo a instalación de calquera actividade económica e industrial por problemática que poida ser, outorgando aos grandes grupos empresariais a capacidade de impor o seu criterio por riba de calquera outra consideración, con apoio público a través de subvencións e todo tipo de incentivos, eliminando calquera atranco para a súa instalación, simplificando e axilizando os trámites administrativos de industrias, minas, parques eólicos, empresa forestais, de residuos.

Desregulamentación

Introduce unha absoluta desregulamentación eliminando cautelas ambientais e dereitos dos administrados para outogarlle “patente de corso” ás empresas, nomeadamente ás adicadas a actividades de minairía e pasteiro-enerxéticas. O seu obxectivo é eliminar calquera barreira para facilitar a aprobación de proxectos polémicos, evitando que se repitan situacións, como sucedeu nos últimos anos, nos que a grande resposta social impediu que foran adiante.

Outórgalle un enorme poder á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que pasa a funcionar como un apéndice dos grandes grupos empresariais decidindo sobre outros temas, aínda non sendo da súa competencia, como medio ambiente, montes, patrimonio, residuos, xestión hidráulica.

Volver