XEAL volve rexeitar proceso de mediación ante a pasividade da Xunta
O comité de XEAL lamenta que a empresa volva rexeitar a mediación solicitada pola representación social co obxectivo de retomar a negociación do convenio colectivo propio. Con esta decisión, critican, "a dirección evidencia unha vez máis a súa total falta de vontade de diálogo e que o seu único obxectivo é recortar os dereitos que os traballadores e traballadoras e o persoal pasivo tiñan recoñecidos dende hai décadas".
Lembran que foi a propia dirección quen bloqueou calquera posibilidade de chegar a acordo para o que sería o XIII convenio colectivo de XEAL, "coa finalidade de facelo decaer", aproveitando as facilidades da reforma laboral aprobada en 2012 e que o articulado do convenio non tiña recollida a ultravixencia. "E deste xeito, avanzar na precarización das condicións laborais, salariais e sociais porque o único que lle interesa á empresa é obter tallada do negocio enerxético, non manter a produción das fábricas, nin o emprego".
A representación do persoal vén denunciando a fraude que supuxo a operación de compra venda dende o momento no que se anunciou. "Hoxe sufrimos as consecuencias dunha segregación encuberta totalmente ilegal, e mentres XEAL quere incrementar a produción de enerxía, a industria da comarca, é dicir as fábricas de Cee e Dumbría, morren", advirten.
"A Xunta non pode seguir mirando para outro lado"
Neste contexto, o comité "non pode máis que denunciar a pasividade da Xunta de Galiza" ante o reiterado incumprimento das cláusulas concesionais, "consentindo e amparando o espolio dos nosos recursos para que capital estranxeiro obteña millonarios beneficios coa produción de electricidade, mentres as fábricas permanecen sen actividade, sen os investimentos comprometidos e perdendo postos de traballo".
Salietan que o goberno galego "non pode seguir mirando para outro lado" e por iso o próximo xoves, 13 de outubro, o comité ten convocada unha nova manifestación, ás 10:30 horas, dende o edificio administrativo de San Caetano até ás dependencias de Augas de Galiza. Con esta mobilización quérese exixir información clara e concreta sobre o estado dos expedientes dos proxectos presentados por XEAL para incrementar o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e para o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña.
O comité reitera que calquera autorización administrativa que implique incrementar a produción de electricidade "ten que ir vinculada ao emprego, á actividade industrial e ao restabelecemento das condicións laborais".