XEAL rexeita o proceso de arbitraxe proposto polo comité e insiste en impor un convenio de recortes
O comité de XEAL rexeita a negativa da empresa a someterse ao proceso de arbitraxe solicitado pola representación do persoal no Consello Galego de Relacións Laborais, co obxectivo de desbloquear a negociación do convenio colectivo e avanzar nun acordo que respecte os dereitos laborais, salariais e sociais polos que tanto pelexaron os traballadores e as traballadoras.
Denuncian que a empresa se nega a calquera solución que implique unha negociación real e insiste en impor un convenio que rebaixa dereitos e de perda de poder adquisitivo. "Facendo gala do seu habitual desprezo e prepotencia, a dirección non quere entrar a valorar ningún dos puntos da plataforma de convenio que o comité lle presentou o pasado mes de decembro, no marco do AGA, e ameaza incluso con comezar a aplicar na súa totalidade dende o mes de xuño o convenio de siderometal da provincia da Coruña", advirten.
Recortar dereitos mentres medran os beneficios pola xeración de enerxía
Para o comité esta actuación constitúe "unha evidencia máis de que o único interese de TPG-Ithaka é recoller os millonarios beneficios xerados pola produción de enerxía, que practicamente obtén a custe cero, mentres desmantela as fábricas de Cee e Dumbría". Neste senso, chaman a atención no feito de que nos últimos dous anos e medio se produciu unha drástica baixada da produción, destruíronse 30 empregos directos e máis de 80 postos de traballo eventuais, ao que se suma a perda de empregos na industria auxiliar da comarca.
Pola contra, XEAL pretende seguir engordando os beneficios de produción electricidade, e xa pediu explotar novos recursos hidroeléctricos como a estación de bombeo da Ruña e incrementar o caudal ecolóxico do encoro de San Uxía para aumentar a xeración de enerxía.
Diante disto, o comité reitera que "non imos aceptar chantaxes nin asumir o convenio de recortes que quere impor XEAL. A negociación do convenio é un proceso para mellorar as condicións laborais do persoal, non o marco no que validar a estratexia da empresa, que primeiro dilatou o proceso de negociación para deixar decaer ao convenio propio e agora busca asestar un golpe letal os dereitos conquistados ao longo de 40 anos".
Este ataque directo ao persoal e ao emprego na comarca, engaden, "constitúe unha nova demostración da fraude" que supuxo a operación de compra-venda e por iso apelan á necesidade de intervención urxente da Xunta de Galiza (como titular das explotacións e como Goberno competente en materia de industria) "para que, dunha vez por todas, obrigue a empresa a cumprir coas cláusulas esenciais das concesións e se garanta o emprego, a actividade produtiva e os dereitos laborais".