XEAL racha as negociacións de maneira unilateral e deixa o persoal sen o convenio colectivo propio
Na reunión celebrada este martes no Consello Galego de Relacións Laborais, XEAL rachou de maneira unilateral as negociacións, deixando os traballadores e traballadoras sen convenio colectivo propio. A empresa xa anunciou que non recoñece dereitos sociais consolidados no convenio colectivo, como o lote de nadal que se viña entregando dende hai máis de 40 anos, que non recibirán nin os traballadores/as en activo nin o denominado persoal pasivo (colectivo de xubilados/as, viuvez e persoal longa enfermidade), a quen tamén lle está recoñecido este dereito no convenio.
Esta decisión unilateral da dirección de XEAL chega despois das tres reunións mantidas no marco da mediación solicitada polo comité no AGA para desbloquear a negociación do convenio propio, así como o plan de igualdade, e das diferentes propostas trasladadas pola parte social, que a empresa se negou sequera a avaliar.
"Este é un paso máis, denuncia o comité, no deterioro progresivo que viven as fábricas de Cee e Dumbría dende a chegada hai dous anos do fondo de investimentos TPG-Ithaka". Despois da rebaixa drástica da produción, do recorte de emprego e da falta de investimentos nas plantas, a empresa ataca agora os dereitos conquistados polos traballadores/as, deixando sen aplicación o convenio propio e eliminado as melloras sociais que o texto recolle tanto para o persoal activo como para o pasivo.
Incluso as que supoñen un beneficio para a comarca, pois á non entrega do lote de nadal hai que engadir que non se van realizar as contratación anual dos/as 8 mellores alumnos/as de Formación Profesional, que funciona tamén como medida de renovación do cadro de persoal.
Asembleas este xoves nas fábricas e no Concello
Diante disto, o comité ten convocadas asembleas de traballadores e traballadoras para mañá, xoves 16 de decembro, ás 10 horas na fábrica de Brens e ás 12 na de Dumbría. Mentes que pola tarde haberá asemblea co persoal xubilado e pasivo, tamén afectado pola decisión da empresa, ás 18 horas, no salón de actos do Concello de Cee, para entre outras medidas chamar á mobilización.
De igual xeito, o comité xa avanza que levará a cabo todas as accións sindicais e xudiciais que sexan precisas para garantir o mantemento do convenio de empresa e na defensa dos dereitos que tanto lle custou conquistar ao persoal.
Neste senso, o comité demanda da Xunta de Galiza "que deixe de ser cómplice destes ataques de XEAL", que lle esixa o inmediato cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TXSG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos.
Nun momento no que a electricidade alcanza prezos históricos un día tras outro, engaden, o Goberno galego "non pode consentir que un fondo especulativo obteña beneficios millonarios a conta de explotar os nosos recursos naturais, mentres que leva á ruína as fábricas de ferroaliaxes e a toda unha comarca".