Valoriza Auga anuncia, en plena folga, o despedimento do persoal eventual
Un día despois de que a representación social dera traslado á dirección de Valoriza Auga dunha nova proposta para tentar desbloquear a negociación do convenio, a empresa responde, en plena folga indefinida, co anuncio do despedimento de varios traballadores eventuais. A dirección comunicaba esta mesma tarde que non lle vai renovar o contrato a dous operarios, pero ao tempo informaba que fará novas contratacións para os postos que quedan vacantes. Tan só un par de horas despois, a empresa remitía escrito convocando o comité de folga a unha xuntanza o próximo xoves, día 29, para retomar as negociacións.
"Intentamos buscar unha solución ao conflito e Valoriza responde botándolle gasolina. Con esta actuación, a empresa demostra ter pouca vontade negociadora. Pero que saiba que non imos ficar parados até lograr a readmisión destes traballadores", así de contundente se manifestaba o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, tras coñecerse a decisión da adxudicataria.
Represalia pola participación na folga
Filgueira denuncia que os despedimentos non obedecen a causas obxectivas, senón que responden a unha represalia contra os traballadores pola súa participación activa na folga, que a empresa, ademais, intenta utilizar de maneira exemplarizante co resto do persoal. "A mensaxe que quere trasladar Valoriza é obvia: ou abandonas a folga ou haberá consecuencias. E para isto a dirección asáñase co persoal máis vulnerábel, porque lle é máis fácil e barato desfacerse del", denuncia. Neste senso engade que, ao tempo que se comunicaban os despedimentos, a empresa anunciaba que vai realizar novas contratacións para cubrir eses postos que fican vacantes.
O responsábel da CIG da Coruña xa advertiu que os despedimentos van ser recorridos e que se vai demandar a súa nulidade, "porque esta actuación vulnera os dereitos fundamentais dos traballadores". "Á reivindicación dun convenio xusto, agora temos que sumar a loita pola readmisión destes compañeiros que, con toda a dignidade, están defendendo o seu dereito a traballar en condicións dignas".
Chamada a EMALCSA e ao Concello
A este respecto, a CIG reclama de EMALCSA e do Concello da Coruña que continúen facendo as xestións necesarias para evitar que se efectivicen os despedimentos, que cesen as represalias e que se avance na negociación do novo convenio. Sobre isto último, a CIG agarda que na reunión do vindeiro xoves a empresa acuda con intención real de chegar a un acordo "que permita pórlle punto e final ao conflito".