Uns 70 vehículos participan na caravana reivindicativa para exixirlle a Alsa Ferrol que aplique xa o convenio sectorial
Os traballadores e traballadoras de Maitours realizaron unha caravana de vehículos este martes para visibilizar a súa loita e reivindicarlle ao grupo Alsa (propietario da empresa) que aplique xa o convenio colectivo do sector a todo o persoal. A protesta partiu por volta das 09:30h do Regueiro, en Neda, cunha participación duns 70 coches, seguiu pola estrada de Castela, percorrendo os municipios de Narón e Ferrol, e rematou cunha concentración diante das instalacións de Alsa no Polígono do Río do Pozo.
Pouco despois de remater a mobilización, confirmábase que no día de mañá, mércores 24, haberá reunión da mediación instada polo propio Consello Galego de Relacións Laborais, e que foi aceptada por ambas partes. A xuntanza será ás 09:00 horas, nas dependencias da Escola de Relacións Laborais da Coruña.
Folga indefinida dende o luns 15 de xullo
Esta caravana reivindicativa enmárcase na folga indefinida que os traballadores/as de Maitours están a desenvolver dende o pasado luns 15 de xullo para reclamarlle á empresa que lle aplique xa ao persoal subrogado o convenio colectivo do transporte de viaxieras/os por estrada da Coruña; denunciar a ilegalidade de aplicarlle ao persoal de nova incorporación o convenio da extinta Tranvías de Ferrol; exixir a compensción dos festivos traballados, como estabelece a lei; e reclamar o cumprimento dos acordos laborais no relativo ao traballo dos servizos imprevistos.
A secretaria comarcal da FGAMT-CIG, Bea Fernández, criticou que a empresa siga sen moverse das súas posición nin iniciara ningún tipo de contacto co persoal para resolver o conflito. Ao contrario, dende o comezo da folga, as actuacións da dirección foron encamiñadas a tentar boicotear e minimizar o paro, presionando ao persoal e procurando deslexitimar a convocatoria.
Fronte a isto, Fernández salienta a disposición dos traballadores e das traballadoras a continuar na loita para que se respecten os seus dereitos e bo ánimo que existe, despois de transcorrida xa máis dunha semana de folga.
Para dar máis visibilidade as súas demandas e, o persoal tamén instalou unha caravana e unha pequena carpa na entrada da nave de Alsa no Polígono do Río do Pozo, onde se reúne o piquete informativo.
Neste contexto, Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, critica a falta de intervención das administracións implicadas, malia que o servizo público de transporte se está vendo afectado a diario polo seguimento maioritario da folga. E avanza que na xornada de mañá, vaise levar ao pleno de Narón unha declaración institucional, presentada polo BNG, de apoio ás demandas dos taballadores e traballadoras de Maitours.