2500 persoas maniféstanse en Vilagarcía en demanda dun convenio xusto no sector da conserva
Unhas 2500 persoas participaron este sábado na manifestación convocada polas organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT en Vilargarcía en demanda dun convenio xusto para o sector da conserva que acabe coa precariedade, a alta temporalidade, os baixos salarios e a discriminación salarial e profesional que sofren as mulleres. A marcha partiu da praza do Concello de Vilagarcía e rematou na praza de Galiza onde se procedeu á lectura dun manifesto conxunto.
Na manifestación denunciouse a actitude amosada pola patronal nas últimas xuntanzas da mesa de negociación que “aboca o persoal do sector a ter que saír á rúa para reclamar un acordo digno” e xa se adiantou que, se non hai avances, as mobilizacións intensificaranse nas próximas semanas coa convocatoria de paros e folgas.
As propostas da parte empresarial, denuncia a FGAMT-CIG, supoñen dar pasos atrás xa que non se garante o poder adquisitivo do persoal (malia os enormes beneficios das empresas) nin se corrixe a fenda salarial que existe no sector entre homes e mulleres. Esta é unha das reclamación históricas da CIG, pois non hai que perder de vista que o sector está altamente feminizado. Ademais, as empresas teiman en ampliar a xornada laboral de luns a domingo, “algo que levan intentando dende o principio, endurecendo aínda máis o convenio anterior”.
Fronte a isto, na manifestación reclamouse un convenio colectivo que contemple auténticos incrementos salariais e que se garanta a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo a través da incorporación dunha cláusula de revisión salarial ao IPC.
Discriminación salarial das mulleres
Neste senso, púxose a atención no feito de que Galiza é o primeiro produtor europeo de conservas de peixe, pero as traballadoras e traballadores están á cola en dereitos laborais e salariais. “Non podemos aceptar como sociedade que os traballos na conserva estean segregados en función do sexo e menos aínda que o traballo que están realizando as mulleres estea infravalorado. Esiximos a esta patronal a equiparación salarial entre mulleres e homes”, aseverouse.
Lembrouse que o persoal encadrado no Grupo 5, na súa gran maioría mulleres e na categoría de auxiliares, cobran 850 euros menos de media ao ano que a categoría de axudante do Grupo 6, cando teñen as mesmas funcións produtivas. “Temos que acabar dunha vez por todas coa discriminación salarial que sofren as mulleres deste sector”, insistiuse na protesta, e conseguir que a máxima “a igual traballo, igual salario” sexa por fin unha realidade.
Despois de case un ano de negociacións nos que o único interese amosado pola patronal é o de desregular as condición laborais e económicas, o persoal do sector en Galiza advertiu este sábado en Vilagarcía que está en disposición de ir á folga para conseguir un convenio digno. “Non nos deixan outra opción, imos loitar para que se nos recoñeza como o que somos e merecemos: un sector esencial composto por máis de 30.000 mulleres e homes cunhas condición laborais e salariais dignas”.