Unha xornada de folga na empresa F. Segura Vigo polo despido de dous candidatos da CIG

A central convoca un paro de 24 horas e mobilizacións este martes día 26
Vigo - 20 Nov 2024

A CIG vén de anunciar a convocatoria dunha xornada de folga na empresa F. Segura Vigo para o vindeiro martes 26 de novembro tras o despido de dous candidatos da central ás eleccións sindicais. Ademais do paro de 24 horas haberá concentracións diante dos dous centros de traballo que esta compañía do sector da automoción ten en Gondomar e no Porriño.

Tal e como explican dende a CIG-Industria de Vigo, a dirección de F. Segura (que mercou parte da antiga Plastic Omnium) decidiu rescindirlle o contrato a dous traballadores nada máis coñecer que integraban a candidatura da central ao colexio de persoal técnico e administrativo. 

A central denuncia que se trata dun claro caso de represión sindical

A compañía alega que se trata de despidos obxectivos por causas organizativas e da produción, “pero o verdadeiro motivo é en clara represalia polo feito de que estas dúas persoas ían concorrer como candidatos ás eleccións sindicais”.

A transnacional francesa Plastic Omnium optou hai aproximadamente ano e medio por venderlle ao grupo valenciano F. Segura os dous centros de traballo cos que contaba na comarca de Vigo, un en Gondomar e outro no Porriño. Recentemente a CIG decidiu promover eleccións para configurar o comité de empresa (para o que se escollerían 6 delegados/as entre o persoal especialista e 3 entre o técnico e administrativo).

Concentracións diante da empresa

“Pois ben, o pasado venres día 15 a empresa estivo preguntando entre o cadro de persoal quen se presentaba pola CIG, e dúas persoas que recoñeceron que eran candidatos foron despedidos o mesmo día a última hora da mañá”. Por iso a central, ademais de convocar folga e mobilizacións, demandará xudicialmente a nulidade dos despidos.

As protestas terán lugar coincidindo co paro de 24 horas que se desenvolverá entre as 6:30 horas do martes 26 até as 6:30 horas do mércores 27. E terán lugar nas instalacións de F. Segura no polígono da Pasaxe, 26, Vincios (Gondomar) e na Avenida Principal, 247, do Porriño ás 6:30, 14:30 e 22:30 horas “para reclamar a readmisión dos dous compañeiros e para que se garanta que as persoas traballadoras se poidan presentar libremente ás eleccións sindicais”.