UGT e CCOO condenan o persoal de Derivados do Cemento da Coruña a salarios de miseria
UGT, CCOO e patronal ASFADECE asinaron o Convenio de Derivados do Cemento da provincia da Coruña, consolidando a enorme perda do poder adquisitivo que está padecendo o persoal deste sector. Os incrementos rídiculos pactados fican moi por debaixo do IPC real e son incluso inferiores ás subas da media dos convenios que se están negociando no entorno.
Deste xeito, UGT e CCOO, que ostentan a maioría sindical, agravan a miseria salarial que padece o persoal do sector, que só dende o ano 2021 vai perder un 12,4% do seu poder adquisitivo:
- Ano 2021: 2,5% +0,5% (o IPC final foi do 6,5%)
- Ano 2022: 1,5% (o IPC final foi do 5,7%)
- Ano 2023: 1,25% (o IPC provisional é do 3,5%)
- Ano 2024: 1% (o IPC previsto é do 3,6%)
Ademais, tampouco se inclúe unha cláusula de revisión vinculada ao IPC, senón que se referencia sobre a venda de cemento a nivel estatal. Un criterio absurdo, denuncia a FCM-CIG, que nada ten que ver co persoal e que fai que os incrementos (de habelos) sexan irrisorios e cheguen sempre dous anos tarde.
A FCM-CIG critica esta nova traizón de UGT e CCOO ao persoal do sector e critica que o convenio se asinou sen convocar sequera á central nacionalista á mesa de negociación.