Na Construción da Coruña, UGT e CCOO desisten da negociación e asinan un convenio igual ao estatal
A patronal, UGT e CCOO veñen de asinar o novo convenio colectivo da Construción da provincia da Coruña, que na práctica non é máis que unha transposición do convenio estatal asinado en Madrid. A CIG non asinou este acordo porque non supón ningunha mellora nas condicións do persoal e lamenta que as centrais estatais deixen sen efecto a negociación colectiva máis próxima, ao antepor os intereses das súas cúpulas aos dos traballadores e traballadoras do sector.
A CIG trasladara á Mesa Negociadora unha ambiciosa plataforma debatida previamente co persoal do sector, a través da que buscaba mellorar as condicións laborais e salariais das e dos traballadores da construción e resolver problemas concretos que se veñen detectando nas empresas nos últimos anos, en cuestións tales como desprazamentos e viaxes, dietas, distribución de xornada, horas extras, vacacións, seguridade e saúde, etc.
Non obstante, sinala Mario Maceiras, secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, "despois dun simulacro de negociación no que nin sequera se nos permitiu entrar nun debate real, finalmente a patronal, UGT e CCOO asinaron, sen variar case nin unha coma o que se tratara na primeira reunión, deixando claro que todo era un paripé e que non tiñan interese en entrar ao fondo de ningunha cuestión".
Recentralización da negociación colectiva
A CIG, que representa a case a metade do sector, non asinou este convenio e lanzará unha campaña para informar os traballadores e traballadoras do que está a acontecer coa negociación colectiva no sector. A este respecto, cómpre subliñar que este non é un feito illado, senón que responde ao proceso de recentralización da negociación colectiva auspiciado pola patronal coa colaboración necesaria de UGT e CCOO, e que se ve favorecido polas contrarreformas laborais aprobadas polo PP.
Este proceso levou ao feito inédito de que a patronal estatal da Construción (CNC) impugnara o convenio provincial de Pontevedra -que viña de ser asinado entre a CIG e a patronal provincial APEC- e que melloraba substancialmente o recollido no marco estatal. A impugnación do acordo entre os/as representantes lexítimos do persoal do sector da construción en Pontevedra e do seu empresariado supón, para a CIG, un auténtico atentado contra a negociación colectiva e senta un precedente moi negativo que poderá ser tomado como referencia no futuro.