UGT e CCCO 'malvenden' o sector da construción asinando, con nocturnidade e aleivosía, o convenio
A CIG-Construción manifesta o seu rexeitamento á sinatura do convenio de Construción da Coruña “con nocturnidade e aleivosía”. Un convenio “de miseria” que calca literamente todos os aspectos negativos do estatal: “incrementos de miseria pola metade do IPC, sen cláusula de revisión salarial, e para colmo destinando parte dos incrementos salariais ao Plan de Pensións Privado que as cúpulas sindicais e patronais estatais veñen de pactar para que a gran banca especule aínda máis co noso salario”, denuncia.
A central sindical fai, por iso, un chamamento ao persoal do sector a levantar a súa voz en contra e convoca:
- Asemblea o próximo xoves día 22 de xuño, ás 10:30 horas, no Salón de Actos do Edificio Sindical da Coruña, cunha concentración, ás 12:00 horas, diante de APECCO.
- Concentración o domingo 25 de xuño, ás 12:00 horas. no Obelisco (A Coruña).
A CIG-Construción denuncia que “este atropelo” consumouse o venres 16 de xuño, nunha reunión “ás agochadas á que nin sequera convocaron á CIG”, malia ter case a metade da representación sindical do sector. Por iso os representantes da central sindical nacionalista pregúntanse se é que “tiñan medo” a que “lles chamáramos vendidos” ou a que se lles lembrara que o persoal deste sector “xa viñan de perder o 4% do poder adquisitivo en 2021 pola súa culpa, e que esta firma viña ser outro cravo máis no cadaleito por sumarlle outro 2,7% de perda de poder adquisitivo no 2022”.
Lembra tanto aos “sindicatos pactistas” como á patronal que a Construción pasou das 37.000 persoas ocupadas a apenas 30.000, o que implica que 7.000 persoas abandonaron o sector no último ano. Un abandono que atribúen precisamente ás condicións laborais. “Despois as empresas quéixanse de que non atopan man de obra, que a xente moza non quere saber nada da Construción, porque prefire case calquera outro choio. Tamén lles sorprende que profesionais con décadas de experiencia no sector xa non queiran ir traballar a unha obra a 250 km da súa casa, de sol a sol, por algo máis de 1.100€ ao mes. E terá algo que ver coa miseria de Convenio que deixan?”, conclúe.
Condicións dignas
Para a CIG-Construción é obvio que para que a xente recupere a confianza no sector, ou sequera volva a velo como unha saída profesional, hai que facer xustamente o contrario: “salarios decentes, mellores condicións de traballo, que se teñan en conta as penurias e o gran esforzo físico e mental que xa supón o sector en si mesmo, e se recompense a quen aposte por el cunhas condicións de vida dignas”. Afirman que isto é o que a xente “nos reclama todos os días” e rexeita que “non a queiran escoitar”.
Manifesta que mentres UGT e CCOO “consuman esta traizón á clase traballadora que din representar, a patronal segue a aumentar os seus beneficios; a carga de traballo non parou de medrar, recuperando case o nivel de obra pre-crise, pero hai moitas menos empresas para aproveitalo”. E matiza que “non son datos da CIG, senón da patronal”.