UGT e a patronal confirman que asinaron un convenio de eficacia limitada cando a negociación aínda estaba aberta

A CIG cualifica de atentando á liberdade sindical esta actuación e valorará impugnar o pacto polas múltiples irregularidades no proceso da mediación
A Coruña - 26 Feb 2026

A reunión da mediación que tivo lugar este venres serviu para confirmar o atentado á liberdade sindical perpetrado pola patronal e UGT que, co proceso de negociación aínda activo, asinaron un convenio de eficacia limitada para o sector do transporte de persoas por estrada da provincia da Coruña. De feito, a UGT xa comezou a distribuír un documento de adhesión individual entre as persoas traballadoras.

Non só non se respecta a vontade manifestada polo 70% das traballadoras e traballadores en votación, senón que se lle impón un texto insuficiente e lesivo que unicamente responde aos intereses patronais e que introduce elementos perigosos como a modificación da dieta de banda horaria -que o empresariado levaba anos querendo tocar-, recorta o plus de convenio e o plus de compensación para as acompañantes escolares, ademais de crear un plus absentismo para que o persoal faga ‘de policía da saúde’ dos seus compañeiros e compañeiras.

O asinamento á marxe da mediación constitúe tamén unha forma de boicot á mesa de negociación e unha falta de respecto ao Consello Galego de Relacións Laborais e a súa función mediadora, que avala todas as denuncias previas da CIG sobre o desenvolvemento irregular deste proceso de mediación.

Doutra banda, lamentar a postura de CCOO que, rexeitando a proposta patronal, non atendeu o chamamento da CIG para facer unha fronte común, conformar unha maioría sindical cualificada, ir a unha nova negociación en base á plataforma unitaria de convenio e acadar un convenio de eficacia xeral. A posición de CCOO resulta polo tanto funcional á patronal ao non permitir unha alternativa e facilitar que se castigue ás persoas traballadoras do sector cun pacto de eficacia limitada.

Asembleas de persoal o luns 2

O próximo luns, a CIG ten convocadas asembleas de persoal para trasladarlle toda a información do acontecido na reunión de hoxe e abordar as accións a desenvolver. Así as cousas, a CIG xa adianta que valora a impugnación deste convenio pola súa dubidosa legalidade e así se debaterá nas asembleas.

Así mesmo, a CIG quere pór en valor a exemplar loita desenvolvida polo persoal do sector, a súa unidade e a fortaleza amosada incluso nos momentos de maior confusión e complexidade. Neste tempo, o sector medrou en organización e en capacidade de mobilización e, no horizonte da negociación do próximo convenio, toda a experiencia acumulada neste conflito deben servir para reverter os recortes, avanzar na mellora das condicións de traballo e na incorporación de novos dereitos para o sector.