Máis de 30 organizacións sindicais de todo o mundo amosan o seu apoio á folga da automoción galega

Asinaron un manifesto comprometéndose a difundir a convocatoria e a facela visible nos centros de traballo dos seus respectivos países
Nacional - 26 Nov 2024

Máis de 30 organizacións sindicais europeas, latinoamericanas e africanas veñen de asinar un manifesto de apoio á xornada de folga convocada pola CIG este xoves 28 de novembro en defensa do emprego e dos dereitos laborais no sector da automoción. Ademais de trasladar a súa solidariedade coa loita da clase traballadora galega, comprométense a difundir a convocatoria e a facela visíbel nos centros de traballo dos seus respectivos países.

MANIFESTO DE APOIO Á FOLGA DA AUTOMOCIÓN GALEGA:

As organizacións sindicais aquí asinantes queremos manifestar o noso firme apoio á folga do sector da automoción convocada en Galiza polo sindicato CIG, así como mostrar a nosa solidariedade coa clase obreira galega. Comprometémonos a difundila, facela visible nos nosos centros de traballo e pedir o apoio da clase traballadora dos nosos países.

O próximo 28 de novembro as persoas traballadoras do sector da automoción galega están chamadas á folga. As políticas do automóbil que a Unión Europea está a levar a cabo en todo o continente, impoñendo multas e estritas obrigacións ambientais e sociais, só ten un damnificado: a clase traballadora.

Mentres os fabricantes de automóbiles seguen aumentando os seus beneficios nestes anos, a clase traballadora sofre perda de poder adquisitivo, perda de dereitos e precariedade laboral. O plan da UE e dos fabricantes de automóbiles non é outro que facer que a clase traballadora sexa a que asuma os custes da transición ao vehículo eléctrico, que suporá o peche de plantas.

A importancia das políticas públicas que aposten por unha industria a nivel europeo, e por parte do Estado español, son necesarias para a supervivencia do sector. Mentres, vemos como miles de millóns de euros dos fondos Next Generation e PERTE VEC adxudícanse ao mandato das grandes multinacionais e non dos intereses da clase traballadora. Fondos que se entregan a cambio de grandes sacrificios que veñen da man de reformas das pensións, laborais, subsidios ou lei de emprego, e que traen novos recortes.

Ao anterior debemos engadir que esta folga tamén se debe á inoperancia dos gobernos autonómicos en política industrial. Sendo todos eles -neste caso a Xunta de Galiza- marionetas das grandes multinacionais do automóbil sen ningún tipo de criterio e deixando o futuro da súa poboación ao azar das decisións dos consellos de administración das grandes empresas.

A folga do 28 de novembro en Galiza marca a senda a seguir no Estado español. Chamamos a todas a persoas traballadoras a sumarse a este manifesto e a difundilo o máis amplamente posible. En solidariedade coa dignidade e a xusta loita da clase traballadora galega no mantemento da súa industria do automóbil e dos postos de traballo. A loita é o único camiño!

ELA (Euskal Herria), Intersindical-CSC (Catalunya), Intersindical Valenciana, OSTA (Aragón), SAT (Andalucia), MTC (Canarias), Unión Internacional Sindical da Metalurxia e Minería da Federación Sindical Mundial (UISMM-FSM). Solidaires (Francia), PEO (Chipre), UGTSARIO (Sáhara Occidental), UNTG (Cabo Verde), KSTL (Timor Leste), CTA-A (Arxentina), CNTI (Arxentina), CTA-T (Arxentina), CNTA (Arxentina), CUT (Chile), CUT-A (Paraguai), CGT (Colombia), CGTP (Perú), CUT (Brasil), UGT (Brasil), CTB (Brasil), FETMYP (Ecuador), CST-RBE (Nicaragua), BRP (El Salvador), PIT-CNT (Uruguai), CNTE (México), NCT (México), Sindicato Mexicano de Electricistas (SME), Nueva Central de las y los Trabajadores de México (NCT), CTC (Cuba), CBST (Venezuela), CLATE (América Latina).