Tras meses de bloqueo, a patronal da sanidade privada inicia contactos para dar saída ao convenio
A Plataforma sindical -en reunión celebrada este xoves- fixo unha valoración moi positiva das mobilizacións realizadas polo persoal da sanidade privada da Coruña nos últimos meses, ao lograr o obxectivo das protestas: que a patronal se puxera en contacto coa mesa negociadora para darlle saída ao convenio colectivo, logo de meses de bloqueo.
Dende as organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO agradecen a resposta dada polos traballadores e as traballadoras ás mobilizacións realizadas nos últimos meses por toda a provincia da Coruña, facendo ver que o persoal deste sector "está con boa saúde para enfrontar a negociación deste convenio até acadar unhas condicións dignas".
Fan unha especial mención tamen ás reunións cos grupos parlamentares, nas que se expuxeron as condicións laborais do persoal da sanidade privada e nas que se fixo entrega as/os representantes políticos dun informe que radiografía a situación do sector. (Pódes consultar os datos no documetno adxunto a esta nova).
As cifras
- O 45% dos hospitais de Galiza son privados.
- O 80% destes centros ten algún tipo de concerto coa sanidade pública.
- No ano 2012, os centros que integran Ahosgal facturaron 300 millóns de euros.
- O 47% da súa actividade corresponde a derivacións do SERGAS.
Nestes encontros, os grupos de BNG e En Marea trasladaron a súa intención de presentar iniciativas parlamentares sobre este conflito, mentres que o PP e o PSOE quedaron de estudar posíbeis iniciativas. Ademais, o voceiro popular comprometeuse a comunicar a problemática laboral directamente ao Conselleiro de Sanidade.
Papel da administración pública
Esta cuestión ten especial significado porque se pode abrir un debate institucional e social sobre o papel que ten o poder político e a administración pública cando concerta actividade sanitaria pública con estes centros privados, sen ter en conta as condicións laborais e salariais do seu persoal.
Neste punto, hai que lembrar que o peso da carga de traballo derivada do SERGAS acadou o 47% no ano 2012 (últimos datos publicados), descoñecéndose que porcentaxe de facturación supón esta actividade para os centros privados.
En calquera caso, as organizacións sindicais reiteran a disposición ao diálogo para acadar un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores da sanidade privada.
Un sector de beneficios millonarios, en mans de grandes grupos
- A sociedade Sanatorio Cirúrxico Modelo (pertencente dende o 2014 ao grande grupo empresarial HM Hospitais) facturou 29 millóns de euros en 2012 (dous máis que o exercicio anterior) alcanzando uns beneficios de 3,37 millóns de euros, fronte aos 1,95 millóns do exercicio anterior.
- O Instituto Policlínico Santa Teresa rexistrou unha cifra de negocio de 20,3 millóns e uns beneficios de 1,5 millóns. Este hospital do grupo Quironsalud, foi comprado no 2016 pola compañía xermana Helios, propiedade do operador de hospitais privados Fresenius, que adquiriu toda a empresa Quironsalud, dando lugar ao maior grupo sanitario privado de Europa.
- O Instituto Médico Cirúrxico San Rafael, no 2012 sumou vendas por valor de 18,5 millóns de euros e superou uns beneficios de 1,6 millóns.
- O Instituto Policlínico A Rosaleda SA, que comprende tanto o centro da Rosaleda como o Hospital A Esperanza, facturou máis de 18,6 millóns en 2012. Pechou este exercicio cunha ganancia de 528.000 euros. Tamén foi comprado en outubro de 2016 polo grupo HM.