Transportes Martínez Souto "abandona" os seus traballadores/as de Lugo
Traballadores/as da Transportes Martínez Souto en Lugo compareceron en rolda de prensa este mércores para explicar a situación de total abandono e incerteza na que se atopan, logo de que a empresa deixara de darlles carga de traballo e informara, a través dos medios de comunicación, da súa intención de extinguir a totalidade dos empregos.
O persoal ofreceu estas explicacións diante das instalacións que a empresa ten na súa delegación en Lugo, onde prestan servizo un total de 6 empregados/as por conta de Martínez Souto e outros 5 traballadores autónomos que se atopan "nunha situación idéntica, ou máis grave, dada a súa condición e falta de garantías".
O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, quen acompañou os afectados/as, sinala que a empresa non realizou o pago dos salarios (nestes momentos ten pendente de abonar dúas nóminas e parte da paga extra de nadal) e dende o 16 de febreiro deixou de factura a clientes e de dar carga de traballo ao persoal da súa delegación de Lugo. "Dende esa data en diante, a empresa non lles formalizou ningunha outra postura, tendo información das intencións de extinguir a totalidade dos postos de traballo a través dos medios de comunicación", denuncia López.
Falta total de información
Dende a CIG ínstase a empresa a resolver a situación de abandono dos traballadores, formalizándolles en que situación se atopan e a pagarlles as débedas salariais acumuladas. "Non é de recibo que a empresa estea a investir cartos en anuncios na prensa e non resolva o pagamento de salarios. Tampouco é normal que ningún responsábel teña comparecido para dar unha explicación sobre a situación actual na que se atopa a empresa e sobre a suposta proposta de extinción de contratos para a totalidade do persoal, cando a actividade na delegación de Lugo era superior ao normal no último trimestre do ano pasado".
A este respecto, para a FGAMT-CIG as manifestacións públicas de Martínez Souto recoñecendo a falta de actividade e a suposta perda do seu principal cliente, cuestión esta que nunca afectaría a delegacións como a de Lugo, por exemplo, "ben puideran ser unha cortina de fume para tratar de evadir as responsabilidades co persoal, clientes e acredores e agochar unha xestión empresarial irresponsábel".
Transportes Martínez Souto é unha empresa familiar lonxeva, que iniciou a súa actividade alá pola década de 1940 no transporte de peixe dende o porto de Vigo e que pouco a pouco foi expandindo o seu mercado, consolidando os servizos para transporte da factoría de Citröen e posteriormente unha expansión importante polo resto do estado español. Na actualidade este conflito afecta a unhas 1.500 familias.