A patronal dos autobuses está enviando mensaxes ás persoas traballadoras para condicionar o seu voto sobre o preacordo

Transgacar indícalles lugares e horas das votacións, cando aínda non están preparados os censos nin o sector determinou como desenvolver o proceso
Nacional - 03 Feb 2026

A CIG denuncia un que a patronal do transporte de persoas por estrada da Coruña está enviando mensaxes ás súas traballadoras e traballadores nas que se lle di cal debe ser o sentido do seu voto a respecto do preacordo e anunciándolles lugares e horarios das votacións, cando aínda non foron decididos polo sector. Para a CIG estes feitos resultan gravísimos e non poden quedar sen resposta.

Na acta da reunión da mediación no Consello Galego de Relacións Laborais dise literalmente que "a parte empresarial trasladará ás organizacións presentes na mesa os censos laborais aos efectos de someter este acordo a ratificación en urna polas persoas traballadoras". Isto implica que as empresas reguladas polo convenio colectivo provincial da Coruña teñen que remitirlle os censos de persoal a todas as centrais sindicais presentes na mesa de negociación, non unicamente aos sindicatos asinantes do preacordo.

A CIG solicitou por escrito a TRANSGACAR, a asociación empresarial na que está Monbús, Arriva e Alsa, que deran traslado dos listados, que respondeu que llos enviaría a UGT. Non obstante, a estas horas da tarde aínda non remitiron os censos polo que non están fixados nin os horarios de votación nin os locais, nin están elaboradas as papeletas. Ademais, sen os listados de persoal dado de alta nas diferentes empresas non hai posibilidade de cotexar cun mínimo de rigorosidade que os datos que se inclúen das persoas con dereito a voto sexan correctos.

Porén, as empresas xa están enviando mensaxes aos teléfonos móbiles das persoas traballadoras anunciando uns lugares e horarios de votación que o sector descoñece. As mensaxes teñen un ton claramente intimidatorio que busca condicionar o voto favorábel á validación do preacordo.

Estes feitos foron postos en coñecemento do CGRL en dúas ocasións nesta mesma tarde, a fin de que se cumpra o acordado e se poida desenvolver a consulta sobre o preacordo coas debidas garantías e para frear este novo exemplo de abuso empresarial que busca impoñer un acordo lesivo para o conxunto das persoas traballadoras do sector.

A CIG xa advertiu que a patronal é quen está dirixindo a ratificación do acordo da mesa, nun gravísimo atentado contra a liberdade sindical que lamina as posibilidades de que o persoal do transporte de viaxeiros/as da Coruña poida expresar libremente a súa opinión sobre un acordo que determina as súas condicións laborais e salariais.

A CIG reclámalle á patronal que cese nestas actuacións coercitivas, a CCOO e UGT que fagan valer o contido do que asinaron e ao CGRL que exerza o seu papel de supervisión e garante do respecto da liberdade sindical.