Traballadores/as de Betanzos HB mobilizaranse os días 2 e 8 de setembro por un convenio xusto
Segundo explican, en outubro de 2015, a empresa comunicolles que procedía a negociación dun novo convenio colectivo e na primeira reunión convocada a tal efecto, Betanzos HB manifestou a súa intención de aplicar o convenio colectivo da madeira.
CIG-Industria da Coruña denuncia que este convenio establece unhas condicións económicas e sociais moi por debaixo das que actualmente ten o persoal de Betanzos HB, que até agora viña contando cun convenio de empresa que regulaba as súas condicións de traballo, aplicando deste xeito e “de maneira implacable” a reforma laboral deseñada polo PP.
Xunto a isto, explica que para apresurar as súas pretensións, a empresa deu un prazo de seis meses para negociar un novo convenio, advertindo que de non chegar a un acordo nese tempo (agora ampliado ate o 30/9), cumpriría a súa amenaza, aplicando o convenio da madeira.
Perda de dereitos
Coa aplicación deste novo convenio rebaixaríanse non só os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras de Betanzos HB, se non tamén os seus salarios. En concreto traduciríase nunha perda de máis dun 15% dos salarios en cómputo anual; conxelación de antiguidade; anulación dos complementos salariais para a cobertura das ausencias imprevistas; cobrarían menos por traballar domingos e festivos; aumento do días de traballo efectivo en cómputo anual.
A isto engaden que tamén se verían afectados outros dereitos de tipo social. “Teríamos que pagar máis polo comedor, eliminaríanse as becas de estudo, do fondo de enfermidade (cobertura da que disfrutamos cando estamos enfermos ou pola causa dun accidente laboral). E iso ocorrería ao tempo que a parte directiva da empresa ve aumentado o seu salario”, denuncian.
CIG-Industria da Coruña lembra que Betanzos HB obtén importantes beneficios e entende que a empresa pretende “seguilos aumentando a custo de recortar o salario dos traballadores e traballadoras”.
Os traballadores e traballadoras aseguran que “non estamos dipostos a permitilo. Querémos o que en xustiza nos corresponde, que se respecten os nosos dereitos, dereitos que conseguiron outr@s antes que nós co seu esforzo e a súa loita. Non ímos permitir ningún recorte”.