Traballadores/as de Betanzos HB marchan a pé en rexeitamento aos recortes que pretende aplicar a empresa
A protesta, que tivo que transcorrer en todo momento pola beirarrúa xa que a Subdelegación do Goberno non autorizou o corte dun dos carrís da estrada para o paso das e dos manifestantes, rematou no centro de Betanzos cunha concentración na Praza García Hermanos.
A representación do persoal denuncia que a aplicación do convenio da madeira suporía, entre outros recortes, a perda de máis dun 15% dos salarios en cómputo anual, a conxelación de antigüidade, a anulación dos complementos salariais para a cobertura das ausencias imprevistas, menores retribucións por traballar domingos e festivos, ou o aumento do días de traballo efectivo en cómputo anual.
Xunto a isto, tamén se verían afectados outros dereitos de tipo social: incremento do prezo do comedor, eliminación das becas de estudo, e do fondo de enfermidade.
Esta mesma semana tivo lugar unha nova reunión coa dirección, pero foi imposíbel chegar a ningún acordo, xa que a empresa mantén unha postura inflexíbel e continúa ameazando con aplicar o convenio da madeira a partir do 30 de setembro se non se acada un pacto.Ante esta situación, a vindeira semana a asemblea de traballadores/as avaliará as accións e medidas a pór en marcha para impedir esta agresión aos seus dereitos.