Traballadores/as das ambulancias secundan unha xornada de folga en demanda dun convenio digno
A xornada de loita rexistra un importante seguimento, a pesar de estar convocada en solitario pola CIG (os outros sindicatos non quixeron sumarse á proposta) e tendo en conta que só o 25% do persoal pode acudir á folga xa que a Administración decretou uns servizos mínimos do 75%.
Para dar máis visibilidade as súas reivindicacións, traballadores/as do sector desenvolveron por todo o país accións de protesta con concentracións diante dos hospitais de referencia, despregue de faixas nas pontes, ou mesmo unha caravana de vehículos.
Con este paro, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, preténdese dar un avance á negociación colectiva, paralizada por unha patronal que “se escuda na cuestión económica para non mover nin unha coma do convenio”. A este respecto, acusou ás empresas do sector de gañar os concursos (tanto no transporte urxente como no non urxente) presentando ofertas á baixa e agora tentar trasladar esa rebaixa no prezo do servizo ás condicións laborais e salariais do persoal.
Neste senso, Pastoriza apuntou á responsabilidade da administración galega por tolerar que se presenten ofertas á baixas e adxudicar os contratos e este tipo de empresas, cando sabe que con eses contías “prestar un servizo de calidade aos usuarios e usuarias e garantir as condicións laborais resulta inviábel”.
Pastoriza advertiu que esta xornada de paro “non é o final, senón o inicio das accións de protesta. É un primeiro aviso de que estamos dispostos a mobilizarnos en defensa dun convenio digno”. Neste senso, engade que os traballadores e traballadoras das ambulancias levan anos loitando pola dignificación e profesionalización do sector, por mellorar as condicións laborais, mais tamén “para mellorar a calidade do servizo que se presta”.
Demandas da parte social
As principias reivindicacións da parte social céntranse en catro puntos:
-Restrición do contrato de prácticas. As empresas do sector, indica Pastoriza, están recorrendo habitualmente a este tipo de contratación que lles permite ter a un traballador ou traballadora durante dous anos cun salario rebaixado no 40%. Este tipo de contratación fomenta a temporalidade, crea dúas escalas salariais entre o persoal e supón un ataque á profesionalización do sector. Ademais, engade Pastoriza, “é un magnífico instrumento da patronal para debilitar a capacidade reivindicativa dos traballadores/as”.
-Limitación no convenio da realización das horas extraordinarias. Un exceso de xornada que afecta especialmente ao persoal cos contratos máis precarios e, polo tanto, con peores salarios.
-Creación da terceira paga extraordinaria, ao igual que xa aparece recollido en boa parte dos convenios colectivos.
-Ligado aos dous puntos anteriores, “e aínda que non é a nosa principal reivindicación”, demándase un incremento salarial “que permita aos traballadores e traballadoras levar un soldo digno sen verse na obriga de ter que facer horas extras a esgalla”.