Traballadores e traballadoras do Concello de Mugardos maniféstanse para esixir a sinatura do convenio
Traballadores e traballadoras do Concello de Mugardos manifestáronse este mércores en contra da actitude "autoritaria" do Goberno municipal que se nega a acatar o aludo arbitral que recomenda modificar a RTP, así como a asinar e publicar o convenio colectivo, aprobado xa en novembro do ano pasado.
A manifestación chega tras recruarse as relacións entre o Goberno municipal e o persoal, logo de que o pasado martes, a alcaldesa non só ordenara o desaloxo dos traballadores e traballadoras do salón de plenos onde estaban celebrando unha asemblea, senón que, pouco despois, tentara culpar á representación sindical da situación laboral que se vive no Concello.
A este respecto, dende o comité lembran que se o convenio está sen asinar e publicar é unicamente pola teimosía do Goberno municipal, que se resiste a acatar o laudo arbitral (de obrigado cumprimento) que recomenda mudar a Relación de Postos de Traballo para incluír nesta a todo o cadro de persoal, e evitar así "que se creen traballadores/as de primeira e de segunda".
Unha negociación que vén de lonxe
A negociación do convenio colectivo vénse arrastrando dende hai tres anos e aínda que a súa resolución parecía encamiñada tras a aprobación en novembro pasado por parte de todos os grupos políticos e da representación social dun texto definitivo de convenio e dun anexo para o persoal do GES, "a día de hoxe segue sen asinarse e publicarse".
Polo medio, e ante a parálise das negociacións, houbo proceso de arbitraxe no Consello Galego de Relacións Laborais, que emitiu laudo o 26 de setembro, dando a razóns ás demandas da parte social e avalando os acordos sobre diversos puntos aos que se chegou ao longo da mediación.
Así as cousas, o comité acordou retomar as mobilizacións e convocar a manifestación deste mércores para esixir do Goberno local que "respecte os dereitos de todas as traballadoras e dos traballadores do Concello".