A Fundación Camiña Social, cun superávit de 6 millóns de euros, négase a subir os salarios ao persoal malia levar 9 anos conxelados
Traballadores e traballadoras do Centro de Menores Concepción Arenal e do CIEMA (xestionados pola Fundación Camiña Social) concentráronse este xoves pola recuperación do poder adquisitivo dos seus salarios, na defensa do convenio colectivo propio e pola mellora do servizo que se presta aos menores. Denuncian que Camiña Social, malia ter un superávit de preto de seis millóns de euros nas súas contas, mantenlles conxelados os salarios dende 2014 (ano no que caducou o convenio), escusándose nuns supostos balances económicos negativos dos últimos tres anos.
Logo de varias xuntanzas neste 2021 para a renovación do convenio na que non se produciron avances, a Fundación pretende agora abandonar o convenio propio para pasar ao estatal (de peores condicións laborais e sociais) "a cambio dunha oferta económica miserenta que contempla unha proposta de táboas salariais desiguais e que para algunhas categorías suporía un incremento do 0%, dado que aínda están por enriba do convenio estatal, logo de ter este tres renovacións na última década", explican.
Elena López, delegada da CIG, subliña que "o único que pedimos é manter o noso convenio e recuperar o poder adquisitivo, xa que levamos nove anos cos soldos conxelados". Neste senso, valora que despois de comprobar que Camiña Social ten as contas saneadas para poder afrontar unha suba salarial e tras os durísimos momentos que tivo que soportar o persoal durante a pandemia, tendo mesmo que dobrar as quendas de traballo, "agora é o momento de que se compense o esforzo que realizamos".
Matiza que os incrementos que se demandan "non supoñen máis que garantir o IPC nas táboas salariais e futuras, tal e como xa está regulado no convenio".
A este respecto, a representación sindical critica que a Fundación prime "facer músculo financeiro antes que recoñecer dereitos do persoal, que foron gañados a base de profesionalidade e compromiso"; e lamentan que Camiña Social pretenda escatimar "no máis importante para este tipo de entidades que traballan no ámbito social, que son os seus traballadores e traballadoras".
Responsabilidade de Política Social
Na protesta tamén se quixo pór de manifesto que a Fundación non está a cubrir, dende hai anos, nin as baixas, nin as excedencias, nin as reducións de xornada, repercutindo esta situación no labor diario do centro. Advertindo ademais do deterioro dos materiais para que os/as menores fagan as actividades, así como do equipamento das instalacións (calefacción, electrodomésticos, ordenadores, material de limpeza, vehículos para traslados etc.).
Por iso, instan a Consellaría de Política Social (como titular das instalacións e do contrato do servizo) a que "deixe de mirar para outro lado", asuma a súa responsabilidade e interveña ante a Fundación para garantir que se respectan os dereitos tanto dos/as traballadores/as como dos/as menores.
Neste punto, os delegados e delegadas quixeron deixar ben claro que "malia todas as dificultades, a situación dos rapaces e das rapazas do centro é óptima, están perfectamente atendidas e a finalidade última da reinserción non se ve comprometida, grazas á calidade profesional e ao total compromiso do persoal educativo".
Finalmente, xa avanzaron que, de non producírense avances na negociación e teimar Camiña Social na precarización laboral, convocaranse novas accións de protesta, volveranse dirixir á Consellaría de Política Social e porase esta situación tamén en coñecemento da Fiscalía de Menores, da Valedora do Pobo e dos distintos grupos parlamentares.