Traballadores/as dos sectores do metal de Lugo saen á rúa para reclamar convenios dignos
Arredor de 1000 traballadores e traballadoras do siderometal e do comercio do metal manifestáronse este domingo polas rúas de Lugo para reclamar convenios colectivos dignos, con salarios xustos e avances nos dereitos laborais e sociais. A mobilización é unha clara resposta do persoal ao bloqueo patronal á negociación, que teima en non garantir o poder adquisitivo dos salarios nin asumir o pago dos atrasos, dúas liñas irrenunciábeis para o sector.
Esta manifestación, que saíu do edificio de sindicatos e ao berro de "convenio solución" e percorreu as rúas de Lugo até rematar diante da sede da CEL, supón un paso adiante na intensificación do conflito, seguindo o mandato das asembleas de traballadores e traballadoras. E neste camiño, ao remate da marcha xa se anunciou a convocatoria de folga para o próximo 10 de maio, á que seguirán dúas xornadas máis os días 23 e 25 de maio, sen descartar un paro indefinido se non hai avances. "Non imos parar até que a patronal sente con nós, acepte as nosas condicións e saquemos un convenio digno para a Lugo", aseverou Alfonso Losada, da CIG-Industria de Lugo.
O sindicalista chamou a todo o persoal do sector a secundar de xeito masivo as folgas e as protestas que se convoquen porque "só cando hai mobilización e conflito se conseguen avances reais nos dereitos e melloras nas condicións de traballo". Indicou que o pasado venres, a representación sindical recibiu unha chamada da patronal para retomar as negociacións o día 4. "Din que van facer movementos, pero non sabemos que proposta van traer a esa reunión. Polo tanto, acudiremos coa convocatoria de folga e con todas as nosas demandas enriba da mesa", afirmou.
Nin suba digna, nin revisión polo IPC nin atrasos
Os convenios de siderometal e do comercio do metal (que na provincia se negocian de maneira conxunta) remataron en 2021, pero tras 14 meses e máis dunha ducia de reunións, as negociacións están paralizadas, á espera agora desa reunión do 4 de maio.
Losada lembra que a patronal rachou a mesa ao negarse a asumir o pago dos atrasos de 2022, limitándose a ofrecer unha paga única de 340€ para todas as categorías "cando o que correspondería a un oficial de 1ª serían 1094 euros". E pretende levar ao último ano de convenio (2025) a revisión salarial sobre o IPC acumulado dos anos 22-23-24 e 25, no caso de que sexa superior ás subas pactadas, mais sen efectos retroactivos (é dicir sen xerar atrasos) e a aplicar en decembro de 2025, polo que iría a táboas do ano seguinte.
O representante da CIG-Industria advertiu que a central non asumirá ningún incremento que fique por debaixo do IPC real como referencia para garantir o mantemento da capacidade adquisitiva, xunto cunha cláusula de revisión salarial que opere ano a ano atendendo ao IPC interanual e o pago dos atrasos dende xaneiro.
"Co prezo dos produtos básicos disparados e producíndose un empobrecemento dos traballadores e das traballadoras, hai que ter revisións conforme ao IPC real cada ano para axustar os salarios ao incremento descontrolado dos prezos", asevera Losada.
Engade que, nestes meses de negociación, a patronal tampouco quixo asumir as demandas da parte social referidas ao plus de traballo a quendas, complemento de IT calculado sobre a base de cotización, permisos para acompañamento de fillas/os menores e familiares convivintes etc.
Neste contexto, apunta, non queda outro camiño que intensificar a mobilización porque estes convenios "temos que salvalos loitando, e só coa unidade e a determinación de todos os traballadores e traballadoras do sector se conseguirán avances nas condicións salariais e nos dereitos laborais".