Traballadores/as do transporte de viaxeiros/as maniféstanse na Coruña por convenio digno
Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiras/os por estrada manifestáronse este xoves dende a estación de autobuses da Coruña até a parada de Entrexardíns para denunciar a paralización do convenio colectivo provincial a causa da postura intransixente da patronal. Na protesta, convocada pola CIG, CCOO e UGT denunciouse que a empresariado puxo enriba da mesa unha proposta económica que supón a conxelación salarial para o ano 2022 (cando o IPC rematou no 5,7%), unha miserenta suba do 0,8% para 2023 e un 0% de incremento para os dous anos seguintes.
Esta proposta, sinala o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, non só non garante os salarios, senón que suporía consolidar unha perda do poder adquisitivo cando menos do 5,7%, xa que non se contempla ningunha cláusula de revisión. E iso, advirte, "nun momento no que o custe da vida e da cesta da compra está disparado".
A patronal escúsase en que a lei de contratos do sector público non permite que a Xunta de Galiza actualice o prezo que lle paga ás empresa pola prestación do contrato segundo o IPC e polo tanto, alegan, non poden asumir ningún custe salarial.
Para Pastoriza este é un argumento falaz, "xa que a Xunta ten mecanismos para subvencionar o servizo de transporte público por estrada, pero ademais neste último ano o número de viaxeiros e viaxeiras e a actividade que non depende dos contratos da administración (como os servizos discrecionais) incrementáronse de maneira espectacular".
Neste senso, engade que, en todo caso, "as empresas terán que asumir a súa responsabilidade por ter presentado ofertas á baixa para acceder aos contratos da Xunta, aínda sabendo que podían ser deficitarios". O representante sindical advirte que "afrontamos unha negociación moi dura porque non imos consentir que sexan os traballadores e as traballadoras quen paguen a factura da mala xestión das empresas e da Xunta de Galiza", posto que ademais da ridícula suba salarial que propón, a patronal pretende recortar dereitos xa recoñecidos como as dietas ou o tempo para xantar.
O sector, nas peores condicións
Pastoriza acusa ao Goberno galego de ter sacado uns concursos deficitarios aos que ás empresas concorreron rebaixando as ofertas "o que levou a que o sector estea na peor situación da súa historia". Unha precariedade que afecta tanto ás condicións de traballo (con salarios baixos e xornadas inacabábeis), como á calidade do servizo que se presta ou ao estado da flota de vehículos, moi avellentada.
"Hai avarías constantes nos autobuses e son de sobra coñecidas as protestas das persoas usuarias polas deficiencias do transporte, tanto o regular como o escolar. Isto á súa vez xera unha situación de estrés insoportábel sobre as condutoras e condutores, pois son quen reciben todas as queixas das e dos viaxeiros", recalca Pastoriza.
Por iso, ao remate da manifestación deste xoves adiantouse que de non producírense avances na reunión de convenio programada para o día 28, convocaranse asembleas de traballadores e traballadoras por toda a provincia para decidir as próximas accións a desenvolver, sen descartar a convocatoria de folga.