Traballadores/as do naval de Ferrol maniféstanse na Coruña pola inclusión dos acordos das auxiliares no convenio do metal
Miles de traballadores e as traballadoras da industria auxiliar de Navantia, xunto con persoal propio da empresa naval, marcharon este mércores polas rúas da Coruña para esixir a incorporación dos acordos salariais das auxiliares no convenio colectivo provincial do metal. A manifestación, que contou co apoio dun grupo de traballadores de Alcoa, saía pasadas as dez da mañá da explanada do edificio de sindicatos, percorreu un tramo da Avenida Alfonso Molina, e continuou pola zona das Paxariñas até rematar diante da sede da Confederación de Empresarios da Coruña, na Praza Luís Seoane.
Esta mobilización enmárcase no calendario aprobado polas asembleas de traballadores/as para presionar a patronal provincial e lograr que, dunha vez, asuma a incorporación dos acordos das auxiliares no convenio de siderometal da Coruña, dándolle así carácter legal e respondendo á lexítima reivindicación deste colectivo, que leva anos loitando para regular as súas condicións salariais e que se recoñezan os seus dereitos.
Regular as condicións salariais e rematar coa competencia desleal
"Incluír os acordos no convenio suporía evitar a competencia desleal que se dá entre as empresas cando presentan ofertas aos concursos de Navantia, que só obriga a cumprir coa lexislación vixente, o que permite que empresas de fóra, rexidas por convenios moi por debaixo do convenio de siderometal da Coruña, compitan a conta de tirar á baixa os salarios dos traballadores/as", advertiu o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, ao remate da manifestación.
O representantes sindical subliñou que pola eventualidade que se dá neste sector, dependente da carga de traballo que haxa en Navantia, "os traballadores/as hoxe están nunha empresa, pero mañá poden estar noutra. Incluír os acordos no convenio remataría coa incerteza que supón que os operarios teñan que negociar o seu salario cada vez que entran nunha compañía, posto que habería unhas condicións de referencia de obrigado cumprimento".
O secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol lembrou que non hai outro subsector dentro do convenio do metal da Coruña que afecte a un volume semellante de traballadores/as (estamos a falar dun colectivo potencial de 4.000 persoas) e teña tanta incidencia social nunha comarca, como a industria auxiliar de Navantia. "Ferrolterra depende de que haxa carga de traballo no naval", aseverou. "O futuro destes traballadores/as é o futuro da comarca, e isto non pode estar condicionado ao bloqueo da patronal, polo simple feito de que ten capacidade de facelo".
Aínda menos, afirmou, cando existe un acordo asinado na mesa do naval de Ferrol entre a representación social e as empresas do sector. "Estes acordos teñen que entrar sen ningún tipo de condición dentro do convenio do metal da Coruña", insistiu, "está nas mans da patronal provincial acabar dunha vez co conflito".
Se non hai avances, o día 7 comezará a folga xeral
Cómpre lembrar que o vindeiro 6 de novembro está convocada unha nova reunión -no Consello Galego de Relacións Laborais- entre a patronal provincial, as empresas locais e representación sindical para tentar acadar unha solución definitiva. De non producírense avances, as centrais sindicais xa advertiron que a partir do día seguinte, 7 de novembro, retomarase a folga no sector das auxiliares de Navantia.
"Acabáronse os prazos", afirmou Vidal. "Pasou un ano dende que estivemos en folga 22 días nas portas de Navantia reclamando a inclusión destes acordos no convenio e a súa aplicación por parte de todas as empresas", lembrou, referíndose a folga que a CIG convocou en solitario o pasado ano, atendendo á demanda das asembleas de traballadores/as, e que durante tres semanas tivo paralizado o sector.
"Queremos darlle un carácter legal aos acordos. O convenio non é só da patronal, que leva anos secuestrándoo, é tamén dos traballadores e das traballadoras. Agora xa no hai máis prazos, se o día 6 a patronal provincial segue pondo atrancos a unha demanda que conta co visto bo do persoal, o empresariado local e a propia Navantia, que teñan claro que o día 7 haberá folga, estaremos nas portas dos estaleiros dándolles unha lección", engadiu.
De feito, o persoal xa secundou paros de dúas horas por quenda o pasado xoves -día no que fixeron unha marcha a pé dos estaleiros até a Ponte das Pías- e hoxe están realizando paros de catro horas na quenda de mañá e tarde.
Agradecemento ao apoio do persoal de Alcoa
Na súa intervención ao remate da manifestación, Vidal tivo palabras de agradecemento e solidariedade cos traballadores de Alcoa que participaron na marcha, mais tamén co persoal de Amil Lago, a quen a empresa vén de comunicar un ERE de extinción para 100 empregados/as. Neste senso, afirmou que "non imos abandonar a loita polos nosos dereitos e saírmos todas as veces que faga falta á rúa na defensa dos empregos e contra o desmantelamento do noso tecido produtivo".