Traballadores e traballadoras do metal de Lugo mobilízanse en demanda dun convenio digno
Delegados e delegadas do siderometal de Lugo e do comercio do metal iniciaron este martes mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno e contra a negativa da patronal a asumir ningunha das propostas da parte social. A protesta de hoxe, as centrais sindicais teñen convocadas asembleas de persoal para informar do estado da negociación e aprobar as próximas mobilizacións, non descartando a convocatoria de folga.
As negociacións destes convenios iniciáronse en xaneiro de 2020 pero despois dunha ducia de reunións a mesa rachou pola negativa da patronal a asumir o pago dos atrasos de 2022, limitándose a ofrecer unha paga única de 340€ para todas as categorías "cando o que correspondería a un oficial de 1ª serían 1094 euros", subliña Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo.
Con esta proposta, denuncia, a perda salarial dos traballadores e das traballadoras do sector iría dende os 679 euros para as categorías máis baixas até os 939 euros do Grupo I.
Xunto a isto, Losada explica que a patronal segue teimando en levar ao último ano de convenio (2025) a revisión salarial sobre o IPC acumulado dos anos 22-23-24 e 25, no caso de que sexa superior ás subas pactadas, mais tamén sen efectos retroactivos (é dicir sen xerar atrasos) e con efectos de decembro de 2025, polo que iría a táboas do ano seguinte.
Neste senso, Losada apunta que "a nosa reivindicación foi clara dende o principio: co prezo dos produtos básicos disparados e producíndose un empobrecemento dos traballadores e das traballadoras, hai que ter revisións conforme ao IPC real cada ano para axustar os salarios ao incremento descontrolado dos prezos".
Aínda que cuestións como a redución da xornada máxima, incrementar un día as vacacións ou a mellora das dietas estaban practicamente pechadas, a patronal tampouco atendeu as reivindicacións a respecto do plus do traballo a quendas, o complemento de IT ou a contratación. "Pero a negativa a abonar os atrasos e a incluír a revisións salarial polo IPC ano a ano foi o que definitivamente rachou as negociacións", apunta.
Diante da postura da patronal, as centrais sindicais acordaron convocar esta primeira mobilización, que se desenvolveu no Polígono do Ceao e estivo precedida dunha asemblea de delegados/as, e xa advirten que as protestas se intensificarán se o empresariado se nega a garantir o poder adquisitivo dos salarios. "As revisións salariais anuais ao IPC son irrenuncíabeis, non podemos seguir a perder cartos", asevera Losada.
Nesta liña, reitera que "o único xeito de obrigar a patronal a sentar na mesa e aceptar as nosas demandas é coa mobilización e a unidade de todos os traballadores e as traballadoras do sector", salienta o sindicalista, pondo como exemplo a seguir a loita do persoal do siderometal da Coruña e Ourense.