Traballadores/as dos concesionarios M. Caeiro concéntranse por un convenio digno
Traballadores e traballadoras de M. Caeiro (que ten a exclusividade de concesionario Renault na provincia da Coruña) concentráronse este luns nas instalacións da empresa na cidade herculina e en Santiago de Compostela en demanda dun convenio digno que avance na equiparación das condicións laborais e salariais ao convenio de siderometal.
A CIG-Industria explica que a empresa ten convenio propio pero nos últimos 20 anos apenas se produciron melloras nos dereitos. A finais do pasado ano, a CIG, con maioría sindical no comité, denunciou o convenio e despois de 13 meses de negociacións, a empresa segue sen asumir as reivindicacións sociais, nomeadamente no relativo á suba salarial.
A este respecto, Antonio Cebey, da CIG-Industria, subliña que a empresa alega que non pode afrontar o custe económico de achegarse ao convenio do metal da Coruña (o que lle correspondería aos traballadores e traballadoras), "cando hai tres persoas da alta dirección que se levan elas soas en retribucións cada ano moitos máis cartos dos suporía equiparar o conxunto do persoal co convenio de sidero".