Traballadores/as do Centro de Operacións de Rede de Naturgy continúan coas mobilizacións contra o peche
Os traballadores e as traballadoras do Centro de Operación de Rede de Naturgy da Coruña continuaron este martes coas mobilizacións contra o peche e deslocalización das instalacións a Madrid que pretende levar adiante a eléctrica e que suporía tamén o traslado forzoso dos seus 27 empregados/as a centos de quilómetros ou, no caso de non aceptar, ir ao desemprego.
A medida de Naturgy afonda no desmantelamento industrial e na destrución de emprego cualificado e de calidade en Galiza, vén sumarse á decisión de Iberdrola de clausurar o Centro de Operación de Cunca (COC) da Rúa de Valdeorras, e chega ademais en pleno proceso de transición enerxética sen que haxa políticas públicas que senten as bases dun novo modelo.
De feito, esta transición, que para Galiza está sendo un proceso de destrución de emprego e de tecido produtivo, estana dirixindo as eléctricas atendendo os seus propios intereses e sen asumir ningunha responsabilidade social, mentres o goberno galego fica pasivo.
Por iso, a CIG reclama á intervención decidida da Xunta contra estas actuacións empresariais para que a riqueza que se xera a conta de explotar os recursos do noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra.
A CIG reclama a Naturgy que dea marcha atrás nesta medida e manteña o centro de operacións na Coruña, xa que o peche destas instalacións pon en risco tamén a seguridade e a garantía do subministro, tendo en conta a posición prioritaria desta compañía no mercado eléctrico galego, tanto na produción como na distribución.