O persoal de XEAL retoma mobilizacións na defensa do convenio colectivo e contra a represión sindical
O comité de XEAL iniciou este mércores un novo calendario de mobilizacións contra a represión sindical, en defensa do mantemento do convenio colectivo propio e por un plan industrial que garanta a continuidade dos empregos e a actividade produtiva. Coas protestas demandan tamén a readmisión do compañeiro do comité que foi despedido e que a dirección adopte medidas contundentes contra o condenado por acoso sexual a unha traballadora da fábrica.
As concentracións comezaron este mércores diante da fábrica de Brens en Cee e continuarán o día 16 e 23 de febreiro diante do Concello de Cee (ás 17:30h) e diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano (de 11 a 12h), respectivamente. Ademais, o comité vai solicitar reunións cos concellos da comarca, os grupos parlamentares e reiterar a petición de reunión co vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pendente dende hai meses.
A dirección debe garantir o respecto aos dereitos fundamentais
O órgano de representación demanda que se readmita o compañeiro de maneira inmediata e considera que esta medida, ademais de ilegal e que xa foi denunciada, "é unha clara represalia polo seu papel como testemuña a favor da vítima de acoso sexual". Nesta liña, o comité esixe que se acometan de maneira urxente medias contundentes contra o coordinador do servizo de prevención, "condenado por acoso sexual, pero que segue traballando con total normalidade".
A Inspección de Traballo advertiu xa a XEAL de que incumpriu unha recomendación relativa á protección da dignidade da muller e do home no traballo (92/131/CEE), pois cando a traballadora presentou denuncia diante da empresa polo presunto acoso sexual, a compañía en lugar de protexela, trasladouna de centro de traballo, colocándoa preto do presunto acosador. Feitos polo que a compañeira causou baixa por motivos psicolóxicos.
"María Couto, Pedro Escudero e Justo Trillo teñen responsabilidade nestas vulneracións dos dereitos sufridos pola traballadora e polo membro do comité despedido.Deben de deixar de amparar este tipo de comportamentos machistas, e son responsables de garantir que se respectan os dereitos fundamentais de igualdade e integridade moral de todas as traballadoras e os traballadores e perseguir os comportamentos inadecuados, especialmente cando se dan en situacións nítidas de abuso de poder", reiteran.
En loita polo convenio colectivo propio
Na reunión do comité da pasada semana, acordouse retomar as mobilizacións e levar adiante outras iniciativas institucionais e sindicais por este feitos relacionados co acoso e a represión sindical, mais tamén para reclamar a aplicación do convenio colectivo de empresa que, de maneira unilateral, XEAL deixou de aplicar.
Esta decisión supón unha perda de dereitos laborais, sociais e salariais que os traballadores e as traballadoras (tanto en activo como o colectivo de persoal pasivo) tiñan recoñecidos e que foran conquistados a través de duras loitas durante décadas.
A empresa dá por decaído o convenio propio e xa comunicou a súa intención de aplicar o convenio sectorial do metal da Coruña, de condicións inferiores. Contra desta decisión o comité interpuxo conflito colectivo para que se siga aplicando o convenio de empresa mentres non se chega a un acordo para un novo convenio colectivo.
O comité reitera á demanda a Xunta de Galiza para que interveña e deixe de ser cómplice destes ataques de XEAL, esixíndolle de inmediato o cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TSXG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos.
Para o comité tamén resulta "vergoñento" o silencio das administracións locais "polo que estes ataques representan de negativo para a dignidade da xente da comarca, da destrución programada das fábricas de ferroaliaxes, do empeoramento das condicións de traballo e a perda constante de emprego, mentres se lle recollen esmolas que reparten para tentar lavar a súa imaxe ao mesmo tempo que XEAL obtén millonarios beneficios a conta de explotar as nosas centrais hidroeléctricas".