Traballadores/as de Seguridade Privada maniféstanse en Compostela por un convenio digno
Traballadores e traballadoras da seguridade privada percorreron, desde as 11:30 horas deste xoves, as rúas de Compostela para reclamar un convenio de recuperación de salarios e dereitos e non de retroceso, como pretende a patronal do sector. Nesta mesma xornada, e desde as 9:00 horas, fixeron un acto reivindicativo e solidario cunha doazón masiva de sangue no Centro de Transfusión de Galiza.
Entre tambores, petardos, consignas reivindicativas e, por momentos, baixo unha intensa chuvia, os traballadores e traballadoras de Seguridade Privada percorreron o traxecto que separa o campus universitario compostelán da praza do Toural, onde o representante da CIG-Servizos, Pedro Pérez, resumiu as súas demandas para conseguir un convenio digno.
A manifestación discorría tranquilamente até que, tras escoitarse un dos petardos cos que trataban de chamar a atención, a policía española detivo a marcha para identificar e requisar os que quedaban. Unha actuación policial que se desenvolveu entre os apupos e asubíos das e dos manifestantes, que denunciaron que “non actuades así se soltan petardos por un partido do Madrid ou de España!”.
Proposta patronal de retroceso
Con esta mobilización a CIG-Servizos manifestaba o rexeitamento do colectivo de traballadores/as do sector da seguridade privada diante das propostas da patronal, que puxo sobre a mesa negociadora cinco puntos que considera imprescindíbeis para chegar a un acordo: revisión do texto do convenio; redución dos custos ocultos do convenio, para traducilos en incremento salarial de forma que poidan repercutir aos clientes (por exemplo os permisos), abordar as cláusulas que entorpezan e dificulten os descolgues salariais e a concorrencia de convenios; revisar os cuestos polo absentismo, antigüidade e reconversión tecnolóxica e vixencia ampla do convenio.
A este respecto, Pedro Pérez matizou que respecto do punto catro, a patronal concretou a revisión dos complementos por IT e hospitalización, retirándoos nos catro primeiros tramos e incrementando levemente nos tramos de 40 a 360 días. No caso de hospitalización pretende ademais condicionar os complementos a que sexa de máis de catro días.
En relación á antigüidade a parte empresarial propuxo a conxelación, polo que a aceptación deses cinco puntos suporía un incremento salarial de 0% para o 2017; 2% para 2018 e 1% para 2019.
Demandas da CIG
A CIG-Servizos entende que este ten que ser o convenio da recuperación e non do retroceso e que esta proposta realizada pola patronal é, non só “inasumíbel” senón mesmo “un insulto para o sector”. Neste sentido, Pedro Pérez subliña que o complemento por IT e a antigüidade son “liñas vermellas” que “só tocariamos para incrementar estes dereitos”. Por iso demandou dos demais sindicatos “que se definan con claridade nesta cuestión e non anden a xogar con estes dereitos se non é para melloralos”.
Advertiu ademais que “non imos regalar absolutamente nada” e adiantou que a CIG “estará en fronte en todas esas medidas regresivas”. Lembrou que as traballadoras e traballadores do sector levan anos perdendo poder adquisitivo e “agora debemos recuperar o perdido e avanzar na procura de condicións dignas”.
A CIG-Servizos puxo novamente de manifesto que “pretender equiparar as condicións dos traballadores/as por abaixo, para paliar a conduta das empresas que non respectan o convenio ou que asinan convenios miserentos, non é a solución”.
Por iso, na súa intervención ao remate da manifestación, Pedro Pérez advertiu aos traballadores que “sen loita nunca se avanzou” e chamou a mobilizarse por un convenio digno e con dereitos.