Traballadores/as de Larsa mobilízanse coincidindo co xuízo polo incumprimento da revisión salarial pactada no convenio
Traballadores e traballadoras de Corporación Alimentaria Peñasanta SA (propietaria de marcas tan coñecidas como Larsa ou Central Lechera Asturiana), concentráronse este mércores diante dos xulgados de Lugo coincidindo co xuízo polo incumprimento das garantías económicas recollidas no convenio colectivo.
Á demanda de conflito colectivo, explica o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, chégase despois do proceso de negociación coa empresa, de numerosas mobilizacións, de acudir á comisión paritaria e dunha mediación que rematou sen acordo pola negativa de CAPSA a aplicar a cláusula de revisión salarial segundo estabelece o convenio colectivo propio.
"O conflito refírese a actualización dos salarios de 2023, polo incumprimento da empresa na revisión do ano 2022 conforme ao IPC real que marca o convenio", subliña López. CAPSA aplicou o incremento salarial do 1,9% pactado para 2022, pero non actualizou nas táboas de 2023 a diferenza até o 5,7% que correspondería polo IPC real do ano anterior.
Este grave incumprimento do convenio implica ademais que a empresa calculou a suba dos salarios deste ano sobre unhas táboas sen actualizar.
O representante da CIG critica esta conduta nunha empresa de base cooperativa e que gasta contías indecentes en publicidade para transmitir unha imaxe de compromiso social. "E non obstante, non ten sensibilidade ningunha coas súas traballadoras e traballadores".
Advirte que este conflito colectivo "é un punto e seguido" na loita iniciada polo persoal, porque "se o resultado non é satisfactorio na vía xudicial esta situación poderíase reproducir e intentar levarse á negociación do próximo convenio". Neste senso, denuncia o cambio na política retributiva desta empresa "que na actualidade unicamente está a optar pola vía do incumprimento e do conflito".