Traballadores/as de Industrias Losan mobilízanse en demanda dun convenio digno e salarios xustos
Traballadores e traballadoras de Industrias Losan realizaron este martes un paro laboral en demanda dun convenio colectivo digno con melloras salariais reais e garantías de mantemento do poder adquisitivo. O paro desenvolveuse das 13:30h ás 14:30h (atinxindo media hora a cada quenda laboral) e durante este tempo o persoal mantivo unha concentración diante da fábrica que o grupo ten en Curtis.
Esta primeira mobilización, explica o secretario da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, foi acordada pola asemblea de persoal despois de meses de negociación entre o comité e a empresa sen conseguir ningún avance. Subliña que esta mesma mañá houbo unha nova xuntanza, pero a empresa limitouse a falar de categorías sen abordar outras materias. De feito, xa na reunión anterior, a dirección deixara claro que as melloras económicas quedaban fóra da negociación, razón pola que o delegado da CIG se levantou da mesa.
A este respecto, Maceiras lamenta que a representación de CCOO e UGT aposten por continuar "con este simulacro de negociación" en vez de apostar pola mobilización para superar o inmobilismo patronal e conseguir un convenio digno con salarios xustos.
Soldos conxelados dende 2021
Lembra que os traballadores e as traballadoras de Losán (que se dedica á fabricación de produtos derivados da madeira) levan cos soldos conxelados dende o ano 2021. Nese ano, a proposta da CIG, introduciuse unha cláusula de revisión que vinculaba o incremento ao IPC, grazas ao que os salarios medraron o 6,5%, garantindo así o mantemento do poder adquisitivo.
Mais agora, unha vez rematada a vixencia do convenio, a empresa utiliza ese incremento para rexeitar calquera mellora no ano 2022, pretendendo liquidar o convenio cun 0% de incremento para o ano pasado (cando o IPC quedou no 5,7%) e un 2% para 2023 (cando o IPC do de marzo xa foi do 3,3%). "Cada ano os traballadores e as traballadoras son máis pobres mentres a empresa sigue ampliando instalacións e negocio", denuncia.
O secretario da FCM-CIG da Coruña critica a rotunda negativa da dirección a garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios no actual contexto de medre imparábel do custe da vida, polo que, de teimar a dirección na súa postura de mínimos, non se descarta continuar coas protestas nas vindeiras semanas.