Traballadores/as de Carpintería da Coruña mobilízanse por un convenio que garanta o poder adquisitivo dos salarios
Delegados e delegadas do sector de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña iniciaron este mércores un calendario de mobilizacións para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo e na defensa do mantemento do poder adquisitivo dos salarios. A primeira protesta, convocada por CIG, UGT e CCOO, tivo lugar diante da sede de Inditex no Polígono de Sabón (Arteixo), xa que moitas das empresas reguladas por este convenio son contratas e subcontratas da multinacional, que é o seu principal cliente.
A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) explica que o convenio de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña está caducado desde o ano 2019 e os traballadores e traballadoras teñen dende entón os salarios e as condicións laborais conxeladas. Porén, en plena alza inflacionista, a patronal pretende rebaixar o poder adquisitivo ao negarse a manter a cláusula de revisión salarial que está recollida no convenio dende 2014.
Así, na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020; e do 3,1% para o ano 2021, pero só pagaría atrasos até o 1,5%. Para 2022 ofrece o 3%, cunha revisión salarial se o IPC supera o 3%, de como máximo un 1% máis e sen atrasos. E para os anos 2023 e 2024 o 1,5% con revisión salarial se o IPC supera esa porcentaxe, pero cun tope do 1,5% máis, e tamén sen atrasos.
O secretario de Negociación Colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras, denuncia que esta proposta económica provocaría un empobrecemento das traballadoras e dos traballadores, pois ao non subir o IPC real cada ano, só en 2021 o persoal perdería xa o 5% e no resto dos anos, ao toparse a revisión salarial sen xerar atrasos, impediríase a recuperación do poder adquisitivo perdido.
Á miserenta oferta económica hai que sumar a negativa das empresas a aceptar a creación dun plus de quendas de 150 euros mensuais, como o que xa existe noutros convenios. Unha negativa que, critica Maceiras, non ten xustificación de ningún tipo porque a carga de traballo é tal que as compañías non dan atendido os pedidos.
"Este non é un sector en crise, subliña Maceiras, senón que resistiu moi ben o impacto da pandemia e agora ten máis traballo ca nunca. Por iso, estamos reclamando que se sube o IPC os salarios tamén o fagan na mesma medida para poder afrontar o incremento do custe da vida. Pero as patronais o que están demostrando coa súa postura é que son moi avarentas, pois ofrecen unha miseria de suba e do resto da plataforma sindical non queren nin entrar a falar".
Calendario de mobilizacións
Fronte a isto, CIG, UGT e CCOO acordaron iniciar un calendario de mobilizacións e xa avanzaron que non asinarán o convenio se non se garante o poder adquisitivo dos salarios dos aproximadamente 5.300 traballadores e traballadoras atinxidos por este convenio -que representan o 60% de todo o persoal do sector en Galiza-; se establece un plus de quendas, como existe xa noutros convenios; e se regulan as condicións do persoal que ten que desprazarse a montar as tendas de Inditex en diferentes lugares do mundo.
As mobilizacións continuarán o vindeiro 11 de maio diante da empresa MALASA en Cerceda; o 25 de maio diante da empresa Ramón García, en Ordes; o 8 de xuño diante de Cándido Hermida, en Cedeira e o 22 de xuño en Santos en Camporrapado, no concello de Boqueixón.