Traballadores/as de Alsa Ferrol concéntranse para reclamar a implicación do Concello
O persoal do servizo de transporte de viaxeiras/os por estrada de Ferrol retomou as mobilizacións na rúa este martes para denunciar a actitude inmobilista de Alsa, que segue sen sentar a negociar, e demandar a implicación das administracións no conflito, transcorrido máis de mes e medio do inicio da folga indefinida.
Así, na mañá deste martes, o persoal decidiu levar as protestas ás portas do Concello de Ferrol"porque entendemos que o alcalde ten que intermediar, pero até o momento non se interesou sequera por escoitar os traballadores/as e coñecer cales son os motivos que os levaron á folga", subliña Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG.
De igual xeito, Pastoriza critica a pasividade a Xunta de Galiza, malia ser a administración responsábel dos contratos. A este respecto, indica que hai uns días mantiveron unha reunión coa delegada territorial da Xunta, mais nada se tirou dese encontro.
Mesmo servizo distintos convenios
O representante da CIG lembra que o servizo do transporte de viaxeiros/as por estrada de Ferrol e comarca préstao unha UTE formada por Maitours e Intercar. Aínda que ambas empresas pertencen ao grupo Alsa e o persoal realiza o mesmo traballo, Maitours aplica o convenio da extinta Tranvías de Ferrol mentres que Intercar aplica o convenio provincial do sector, con mellores condicións económicas e laborais.
Esta diverxencia implica que, ademais de non ter as subas salariais recollidas no convenio provincial, o persoal de Maitours tampouco ten recoñecidos conceptos como dietas ou antigüidade.
Diante da pasividade da empresa, que segue sen querer negociar, as traballadoras e traballadores acordaron retomar as mobilizacións na rúa para visibilizar a súa loita e reclamar que, dunha vez por todas, se cumpra a lexislación laboral (ningún convenio de empresa pode estar por debaixo do provincial) e se poña remate ao conflito.