O persoal das axencias marítimas inicia protestas en demanda dun convenio provincial digno
Traballadores e traballadoras do sector concentráronse esta tarde diante dos edificios da Autoridade Portuaria de Ferrol e da Coruña para esixir un convenio colectivo provincial de Axencias Marítimas e Aduaneiras, Empresas Estibadoras Portuarias e Comisionistas de Tránsito que supoña un avance real nas condicións de traballo e que rache con nove anos de estancamento dos dereitos.
As protestas, convocadas pola CIG, repetiranse todos os mércores ante as pretensións da patronal provincial da Coruña de conxelar as condicións laborais establecidas no convenio e aplicar tan só un ridículo incremento salarial do 0,5% para o ano 2020 e o IPC real para o ano 2021, "negándose polo tanto a falar de melloras de xornada, das licencias, das categorías profesionais, das incapacidades temporais etc.", critica o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle.
Esta negativa da patronal, engade, "non é novidosa, senón que se está a converter en recorrente, pois é a mesma posición que mantivo na negociación do convenio para o período anterior". Lembra Cartelle que en marzo do ano 2018 se asinou o convenio 2013-2019 por parte da patronal, UGT e CCOO, "despachándose tamén só cun insuficiente incremento salarial".
Porén, nas asembleas de traballadores/as do sector "a posición moi maioritaria do persoal é a de exixir a negociación dun convenio onde se aborden as melloras que se inclúen na plataforma conxunta da parte social, pois de non ser así suporía un estancamento das condicións laborais nos últimos nove anos".
Apesares deste sentir do sector, na mesa de negociación do convenio, CCOO e UGT están asumindo a tese da patronal de limitarse a negociar un incremento retributivo para os anos 2020 e 2021, "esquecendo o resto de reivindicacións sociais que se incluían na plataforma sindical conxunta".
As protestas repetiranse todos os mércores
Diante desta situación, a CIG fai un chamado ao persoal do sector a mobilizarse para manifestar o seu rexeitamento a que se asine un convenio que non conteña avances sociais e que se limite unicamente a pactar unha mínima suba salarial.